Os orzamentos municipais do ano 2024 entran este martes en vigor trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia 

56
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explica que desde este intre o Concello de Pontevedra inicia a tramitación de todos os expedientes atrasados ou paralizados durante estes últimos tres meses «pola irresponsabilidade da oposición» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que unha vez publicados os orzamentos municipais para o ano 2024 no Boletín Oficial da Provincia, estes poden ser considerados «aprobados definitivamente» e, polo tanto, o Concello de Pontevedra pode iniciar un novo capítulo.

O rexedor explica que a partir de agora serán postos en marcha «do xeito máis rápido posíbel» todas as tramitacións que están atrasadas «logo destes tres meses de irresponsabilidade por parte da oposición». «Agora, inmediatamente, desde xa, iniciamos a tramitación dos expedientes máis urxentes, entre eles todos os que teñen que ver cos fondos europeos, a Santiña, o antigo conservatorio, as subvencións dos clubs, o mantemento de instalacións, etcétera».

Fernández Lores lembrou que esta non vai ser unha tramitación rápida xa que hai un cúmulo de traballo e fondos que precisaban ter os orzamentos aprobados, «mais por fin podemos están xa en vigor».

Estes orzamentos son os máis altos da historia do Concello de Pontevedra, e, seguindo as palabras do alcalde na súa presentación «responden a un novo tempo, recollendo a situación derivada da Covid, a inflación e a suba xeralizada de prezos», chegando até os 94,7 millóns de euros.