Pontevedra acollerá o segundo congreso da rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo,  saudable e sostible no 2025

22
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha xuntanza este martes co profesor Otto Lührs Middleton, un dos impulsores desta cita divulgativa
O obxectivo do congreso non é outro que procurar novas vías de traballo á hora de impulsar cidades máis sostíbeis e con desprazamentos peonís 

A Boa Vila será a sede do segundo congreso da rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo, saudábel e sostíbel (RIIDASS). Máis en concreto, a cita desenvolverase ao longo dos días 9, 10 e 11 de abril do vindeiro ano 2025, dacabalo entre o Teatro Principal e a Facultade de Ciencias da Educación.

Esta cita divulgativa chega a Pontevedra logo de comezar o seu camiño no municipio chileno de Valparaiso, que acolleu a súa primeira edición. O obxectivo do congreso non é outro que procurar novas vías de traballo á hora de impulsar cidades máis sostibles e con desprazamentos peonís, ao tempo que relaciona este tipo de locomoción e mobilidade coa saúde e a loita contra o cambio climático.

Así o desvelou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores este martes, 2 de abril, logo dunha xuntanza co profesor Otto Lührs Middleto, un dos impulsores deste proxecto, e bo coñecedor do modelo de transformación urbana aplicado en Pontevedra logo de estudalo nos últimos anos. Lührs pertence ao Instituto de Ciencias da Educación da Universidade Austral de Chile e alabou o uso do espazo público na cidade do Lérez.

«Sempre é unha honra que nos escollan para calquera tipo do congreso, máis aínda neste caso pola súa relación coa cidade dada a súa referencialidade na transformación urbana», indicou o rexedor. «É preciso que o mundo faga cidades máis habitábeis, que teña os servizos sexan activos e a mobilidade prioritaria sexa a peonil. É doado fiar todo isto coa loita contra o cambio climático e a saúde».

O rexedor explicou que o congreso achegará até Pontevedra ao redor de 200 persoas, maioritariamente profesores cun perfil relacionado coas ciencias da educación e do deporte. 

Pola súa banda, o profesor chileno indicou que foi no ano 2019, nunha visita a Pontevedra, cando comprendeu que se trataba dunha vila especial ao comprobar a tranquilidade que sentía cando vía xogar ao seu fillo de catro anos lonxe del e a súa parella, sen risco ningún. «Isto non pasa na nosa cidade. Foi triste constatar que nos sentíamos mellor aquí que na nosa vila de orixe», explicou o organizador.

«Queremos que Pontevedra “non sexa só o lugar que sosteña o congreso, Senón que faga parte do congreso impactando nos seus encontros”, servindo para investigar e «marcar o camiño» para atopar respostas a estes retos globais.