Case 70 papeleiras do centro histórico pasan polo taller  

4

Logo de supervisar as 186 inventariadas no casco antigo, a Concellaría que dirixe Xaquín Moreda acordou a retirada de 68 para ser reparadas.

Todas estarán arranxadas e xa colocadas nesta semana. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos continúa adiante coa inxente tarefa da mellora dos espazos públicos para renovar a imaxe urbana, seguindo a prioridade fixada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores neste novo tempo político ao fronte do Concello de Pontevedra, que ordenou ter en perfecto estado de uso as rúas, prazas, parques e espazos de encontro da veciñanza.

Ao respecto do mobiliario público, esta semana comezaron os traballos de limpeza, reparación e reposición de papeleiras do centro histórico que se atopaban en mal estado de conservación.

Logo de facer unha revisión das 186 papeleiras inventariadas no casco antigo, a Concellaría que dirixe Xaquín Moreda ordenou reparar 68 que estaban rotas, pintadas ou deterioradas. Foron retiradas gradualmente, para non deixar o centro histórico sen este servizo. No taller arránxase a caixa de recollida de residuos, límpanse os graffitis que poidan ter e píntanse para que queden como novas.

Está previsto que estean todas arranxadas e colocadas no seu lugar nesta semana.

O modelo Onda

Trátase do modelo de papeleira Onda, deseñado especificamente para Pontevedra pola empresa local Setga. Este modelo permite unilo á parede ou, de ser necesario, pódese poñer exento. Está fabricada en aleacións de aluminio e a estrutura é de aceiro. Conta con porta para acceder á caixa onde se depositan os residuos, e está rematada con aletas laterais en aluminio estriado. 

Para unha limpeza diaria máis eficaz, dispón dunha apertura de seguridade soamente accesíbel para operarios da limpeza. Tamén ten cinceiro en aceiro inoxidable.