A tradición, a música e o lecer colectivo van da man nesta nova edición da Aña Urbana 

188
A asociación cultural Trépia e o Concello de Pontevedra promoven unha programación especial para este 27 de abril que inclúe artesanía, xantares, roteiros, exhibicións de bailes e rituais tradicionais e os clásicos toques de leghón
Coa chegada da noitiña actuarán os grupos Comando Curuxás e Morenos Peludos, para logo continuar coa esta e o baile até ás 01.00 horas  

Pontevedra seguirá, un ano máis, fiel á súa cita coa tradición e a festa popular. A asociación cultural Trépia, en colaboración co Concello de Pontevedra, vén de presentar a programación da Aña Urbana deste 2024, que se celebrará o sábado 27 de abril, tendo como epicentro festivo a praza do Concello. 

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, sinalou que esta fin de semana en Pontevedra «vai ser unha fin de semana moi alegre, con Pontevedra convertida nun fervello». «Temos unha edición nova da Aña Urbana na Praza do Concello. Alí se instalará unha carpa cunha chea de actividades ao longo de toda a xornada, desde as 11.30 horas, grazas a que Trépia é unha asociación realmente viva, que conta con moitísima xente e que realiza distintas propostas ao longo de todo ano».

Deste xeito, a Boa Vila terá o seu reencontro cunha serie de actividades pensadas «para todos e para todas», que inclúen roteiros para animar as rúas da cidade, obradoiros do Baile do Ramo e toques de leghón, exhibición de danza, concertos… «É un día para gozar da música e do baile tradicional e popular ou mesmo para iniciarse nestes», indicou o edil.

Pola súa banda, Toño Vázquez, vogal da asociación, realizou un repaso polo miúdo a programación da Aña Urbana, que ten a súa orixe como na tradición popular como un conxunto de rituais costumistas que se realizaban nas zonas de Mondariz, Fornelos ou Pazos de Borbén. «A aña facíase sobre esta época, entre abril e maio, durante as labradas para sachar e preparar a terra para sementar o millo. Era un traballo comunal no que confluía non só o traballo dos labregos, senón tamén a música e a danza, xunto cos cantares específicos para este intre», explicou.

«Daquela, a xente dividía a leira e traballaban por bandos. O primeiro grupo que remataba os regos facía un baile, o Baile do Ramo, que representaremos nesta Aña Urbana. Facíao unha das mozas que traballaban alí, para logo finalizar a súa danza chantando na leira un ramo, de aí o nome. Hai unha idea subxacente de rito sobre a fertilidade da terra», indicou Vázquez. «Era habitual que fose un ramo de loureiro, mais sempre con flor».

Programa completo:

  • 11.30h – Apertura da carpa (praza do Concello) :: Postos de xantares, artesáns e actividades 
  • 12.00h – Roteiro dos grupos tradicionais participantes polas rúas e prazas do centro histórico
  • 17.00h – Obradoiros de Baile do Ramo e toques de leghón
  • 19.00h – Grupos escola Trépia
  • 21.00h – Actuación dos grupos Comando Curuxás e Morenos Peludos
  • 23.00h – Serán (até as 01.00h)