Pontevedra vivirá unha reivindicativa xornada por todo alto grazas á festa do Correlingua 

29
Trátase da maior actividade de normalización lingüística de todo o país, logrando xuntar a máis de 1.200 crianzas pontevedresas a prol da lingua galega
O vindeiro 27 de maio é a data escollida neste 2024, baixo o lema «Dende aquí até acolá, galego xa!»  

O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, acompañado da representante da ASPG, Isolina Couso, e do representante de CIG Ensino, Xacobe Rodríguez, vén de presentar unha nova edición do Correlingua, acción de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a normalización lingüística da mocidade e a infancia. 

Trátase dunha proposta de enorme e transversal relevancia, que conta coa axuda da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo, entre outros.

O vindeiro luns, 27 de maio, as rúas da cidade vivirán unha xornada especial, ao verse cheas «das risas e das palabras dos nenos e as nenas para celebrarmos que estamos en maio, o mes da lingua». «A escola debería un axente galeguizador, un espazo onde as crianzas poidan usar a súa lingua con normalidade».

Gómez lembrou que as actividades do programa municipal ‘Maio, mes da lingua’ van da man dos colectivos e asociacións preocupados pola lingua, exemplificadas na ASPG e na CIG Ensino, nesta ocasión. Xacobe Rodríguez explicou que o Correlingua é a maior actividade de Normalización Lingüística que existe no país, que leva xa 24 anos facéndose, e que «está completamente consolidada».

Non é baladí esta afirmación, pois suma máis de 20.000 participantes en todo Galiza, máis de 1.200 en Pontevedra. «Alén da festa que teremos o luns, queremos lembrar que antes da festa houbo moitas actividades previas sobre a lingua, o Correlingua dura todo o ano escolar e implica escritores, artistas, músicos, profesorado, por suposto…».

A festa do Correlingua deste vindeiro luns incluirá o certame do Cantalingua, concurso no que participan bandas profesionais e amateurs, onde o único requisito é que canten en galego. «Estamos nun intre no que xa se recoñece onde hai máis nenos e nenas que falan castelán que galego. É un momento crítico. É preciso que haxa actividades que tiren da xente nova, que tiren da lingua e que novas persoas se acheguen ao idioma».