Ponte Boleira e Mollavao os dous primeiros parques que arranxa o Concello incluídos na diagnose de supervisión das áreas infantís 

19

Dos 40 parques sometidos a estudo xa están diagnosticados 26, e esta semana comezaron as reparacións por Ponte Boleira e Mollavao.

Seguridade, conservación dos xogos, dos peches perimetrais e dos pavimentos, son algunhas das actuacións que se realizan como resultado deste Plan especial de supervisión e mantemento das áreas infantís.

A Concellaría tamén vén de instalar un bambán adaptado no parque infantil do Parque de Europa de Monte Porreiro. 

A Concellaría de Servizos Urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, deu esta semana un paso definitivo no estudo que o seu departamento está a realizar sobre o estado de conservación das áreas infantís de xogo do Concello encargado a final do pasado ano.

O obxectivo deste plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento é que a cativada poida xogar en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene. Cabe lembrar que o concelleiro Xaquín Moreda adoptou esta de decisión trala chegada de queixas de diversa índole sobre o estado de conservación destas áreas infantís. Ademais, xa deu orde de acometer as máis urxentes para evitar que se tivesen que pechar parques.

Das 40 áreas de xogo infantil que se terán que supervisar, están examinadas 26, e esta semana semana xa se comezaron cos traballos de reparación nas dúas primeiras: Ponte Boleira e Mollavao

As inspeccións axustáronse ao cumprimento das normas UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177 e de equipos deportivos segundo as normas UNE-EN 15312, UNE-EN 1270, UNE-EN 748, UNE-EN 749, UNE-EN 750, e UNE-EN 16630; ademais do Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís en Galicia.

As supervisións consisten na avaliación xeral da área de xogo na que se revisa a contorna, distancias de seguridade, equipos de xogo, toma de fotografías, etc, así como as posibles deficiencias de instalación e mantemento que poidan ter os equipos e equipamentos instalados na área. Ademais, tamén se fai unha avaliación da capacidade da superficie amortecedora de impactos instalada na área de xogo.

Os primeiros arranxos comezaron polos parques infantís de Ponte Boleira e Mollavao que estarán pechados uns días até o remate das obras. No primeiro caso contémplase a limpeza xeral do parque, reparación do pavimento de céspede artificial, reparación e pintado do valado perimetral de madeira, reparación integral dos xogos: resorte, da casiña, do asento berce e das cadeas do bambán, pintado dos xogos do parque, así como outros elementos de seguridade e protección como os tapóns. O orzamento de Ponte Boleira é de 15.581,87 euros.

No parque infantil de Mollavao, situado na rúa Fonte Santa, tamén se realizará unha limpeza xeral do parque, desinfección, achega de área e limpeza xeral da vexetación; reparación e pintado do valado perimetral de madeira, reparación integral dos xogos: resorte e do xogo múltiple e substitución de tapóns, parafusos e outros elementos de seguridade. O orzamento de mellora deste parque é de 5.560,31 euros.

Bambán adaptado no parque de Europa

A Concellaría Servizos urbanos básicos en coordinación co concelleiro delegado do barrio de Monte Porreiro, Alberto Oubiña, vén de instalar un novo bambán adaptado na área infantil do parque de Europa, unha petición moi demandada polo barrio e da que poden gozar os máis cativos dende a pasada semana.