A Mesa de Contratación do Concello propón adxudicar a Gómez Crespo a rehabilitación do edificio do antigo conservatorio 

32

O prezo de adxudicación sería de 1,5 millóns de euros e propón melloras por valor de máis de 65.000 euros.

Trátase de rehabilitar un edificio de 1.700 metros cadrados nos que terá cabida o Seminario Permanente de Jazz, talleres, unha aceleradora de economía social ou residencia de creadores. 

A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra vén de propoñer a adxudicación á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo a adxudicación da rehabilitación do antigo conservatorio municipal situado na rúa Alfonso XIII para transformalo en Centro internacional de creatividade. A rehabilitación deste coñecido equipamento municipal faise grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation xestionados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Vivenda y Agenda Urbana.

A oferta económica de Gómez Crespo é de 1.536.196,58 euros (ive engadido), un prazo de execución de 6 meses e ten un prazo de garantía de dous anos. Ademais, propón realizar todas as melloras incluídas nos pregos. Estas melloras (fóra do prezo de licitación e asumidas polo contratista) ten un valor de 65.180,88 euros e consisten na mellora dos equipamentos das plantas soto, baixa e sexta. Tamén a mellora acústica e a mellora na instalación de ventilación.

A rehabilitación do antigo conservatorio supón intervir nunha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados.

O soto do edificio pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), namentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de “testeo” e proba para iniciativas culturais de diversa índole.

As dúas primeiras plantas habilitaranse para unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos. Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, se ben o futuro que está por chegar poderá mudar estas opcións ou adaptalas a outras necesidades.

O edificio tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra. 

Por último, o baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.

O Concello quere que este edificio sexa un laboratorio da creatividade conxugando a mellora estética coa eficiencia enerxética do edificio, ao tempo que se mantén a estrutura orixinal.

Pirep

A rehabilitación do Conservatorio municipal faise grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation xestionados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Vivenda y Agenda Urbana

O ministerio xestiona do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos de entidades locais (Pirep) que busca a rehabilitación do parque de edificios públicos até lograr inmobles de calidade e alta eficiencia enerxética para 2050. Ademais, persegue solventar e mellorar carencias importantes relativas a cuestións de habitabilidade como pode ser un confort acústico deficiente, unha mala calidade do aire, problemas de accesibilidade…