O Concello reforza o mantemento urbano e rural cun novo contrato de roza de medio millón de euros 

17

Seguindo as directrices marcadas polo alcalde Lores, a Xunta de Goberno aprobou o inicio da licitación do contrato para actuar en todas as vías rurais así como nos espazos perimetriais.

Tamén se prorrogou o contrato de mantemento dos espazos urbanos por máis de 700.000 euros por un só ano. 

A tenente de alcalde Eva Vilaverde destacou esta mañá « o reforzo que estamos facendo no mantemento do Concello » lembrando a directriz marcada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter os espazos públicos e de convivencia cidadá en perfecto estado de uso.

Nesta clave, a tenente de alcalde, logo da Xunta de Goberno, explicou que se prorrogou o contrato de mantemento dos espazos urbanos que xestiona a empresa Elsamex. A prórroga por un ano máis ten un orzamento de 726.000 euros e cabe a posibilidade dunha nova prórroga.

Ademais, fóra da orde do día a Xunta de Gobenro tamén aprobou a contratación da roza viaria do Concello para as zonas periurbanas e rurais. Eva Vilaverde confirmou que « é unha deficiencia que tiña detectado o Goberno, que pensábamos que había que reforzar ». Para iso, habilitouse unha partida de 499.999,95 euros por un prazo de dous anos « que supón o dobre do contrato que temos na actualidade » co propósito de realizar un traballo máis intenso, non soamente de corrección.

No contrato inclúese a roza viaria, incluíndo a recollida e limpeza dos residuos, toda a sinalización pero tamén de espazos singulares como campos das festas, accesos a infraestruturas, contornas de praias, equipamentos públicos…

Eva Vilaverde lembrou que Pontevedra ten 540 km de camiños e vías asfaltadas polo que é « un traballo importante que pretendemos reforzar con este duplicado. Era algo que tiñamos detectado e que efectivamente vimos que urxía »,  Ademais, esta tamén era unha das demandas presentadas polo Partido Popular na negociación da aprobación da modificación de crédito oficializada no pleno do pasado luns.