O Concello continúa cos arranxos no barrio da Moureira e repara a rúa Xofre de Tenorio 

14

Está previsto o peche da rúa entre o martes, 25 de xuño e o 5 de xullo, aproveitando que rematou o período escolar. Estará autorizado o paso a residentes. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda aproveita o período entre o remate do curso escolar e o inicio das festas da cidade, para reparar a rúa Xofre de Tenorio, no barrio de Moureira, no tramo situado entre o Chalé de Fontoira e a rotonda de Concepción Arenal.

Trátase dunha actuación que a Concellaría foi pospoñendo no tempo porque é necesario pechar ao tráfico a rúa para arranxala. A proximidade dos centros de ensino na zona impedía tomar esta drástica e necesaria decisión en plena época escolar.

Este tramo de Xofre de Tenorio ten bastantes fochas, o pavimento de formigón da rotonda está moi deteriorado, as arquetas de augas pluviais están rotas e os lastros bastante movidos. A reparación que resolverá todas aquelas deterioracións comezará o vindeiro martes, 25 de xuño e o peche prolongarase até o próximo 5 de xullo. No caso de poder abrir antes a rúa, faríase. A Policía Local autorizará o paso a todos os residentes da rúa ou anexas.

Co arranxo de Xofre de Tenorio, a Concellaría de Servizos urbanos básicos continúa a actuar na zona da Moureira logo de rematar a reparación e reordenación da rúa Domingo de Andrade que permitiu mellorar a seguridade peonil xa que carecía de beirarrúas e os vehículos chegan a estacionar diante dos portais das vivendas e comercios