O alcalde visita o comezo das obras para as futuras 74 vivendas de promoción pública que se farán en Valdecorvos 

31
O rexedor da cidade compareceu xunto co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, para dar conta do inicio das actuacións
Lores lembrou que o Concello «seguirá ofrecendo todas as facilidades do mundo para a construción de vivenda pública e obras doutras administracións» tal e como vén de facer con este proxecto 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, participou esta mañá na visita proxectada pola Xunta de Galiza á construción de 74 vivendas de promoción pública no barrio de Valdecorvos.

O rexedor da cidade compareceu xunto co presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue. Fernández Lores lembrou que estas 74 vivendas non resolverán o problema da falta de vivenda pública na Boa Vila, «ao ser un problema realmente complexo en todo o Estado e en todo o país», mais ofreceu «os seus parabéns á Consellería á hora de adxudicar esta obra».

O alcalde sinalou que as anteriores vivendas deste tipo feitas na cidade foron entregadas no ano 2016. «Desde o Cnocello dámoslle os parabéns á Xunta polo inicio da obra e só podo dicir que remate ben, que estea cando teña que estar, e non pensar nun mes máis ou menos á hora de falar de remates», explicou. «Existe unha demanda de vivenda pública e o Concello de Pontevedra púxose a disposición da consellaría para poder traballar neste asunto. Buscamos outros terreos municipais e así llo fixemos saber. Das parcelas cedidas hai tres xa aceptadas: en Tafisa, na Parda e outra aquí, neste mesmo barrio de Valdecorvos. Son zonas boas da cidade, en crecemento».

Fernández Lores subliñou de novo que o Concello ofrecerá «todas as facilidades do mundo»sempre á hora de facilitar a creación de vivenda pública por parte da Xunta de Galiza.