As obras de reforma do primeiro andar do edificio administrativo de Michelena 30 entran na súa recta final 

40
O Concello de Pontevedra continúa co seu compromiso de mellorar as instalacións municipais para poder ofrecer un mellor e máis moderno servizo de atención ao cidadán
A mellora deste espazo contou cun orzamento de 375.482,72 euros e estará rematada a principio de setembro 

As obras da reforma e renovación integral do primeiro andar do edificio administrativo de Michelena 30 entran na súa recta final. A dirección de obra así como os técnicos municipais agardan que as actuacións queden rematadas na primeira quincena de setembro, restando logo a colocación do novo mobiliario e a volta de todo o persoal que aquí se localiza e que durante as obras seguiu traballando desde o Teatro Principal.

A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, realizou esta mañá unha visita para comprobar o estado actual da obra así como para ofrecer información en tempo real dos pasos restantes que quedan. Cómpre sinalar que neste espazo se sitúan e seguirá situadas as dependencias dos servizos de Contratación, Secretaría, Persoal e Riscos laborais.

Todas as actuacións realizadas deste tipo ao longo dos últimos no edificio administrativo da rúa Michelena responden ao compromiso do Goberno Local de crear estancias de traballo cómodas para os funcionarios municipais e para os cidadáns que acoden en busca de atención, baixo o paraugas global da modernización da administración e a súa correcta adaptación so século XXI.

A reforma deste primeiro andar contou cun orzamento de 375.482,72 euros. Logo de contar cun prazo de seis meses de execución, a empresa solicitou unha prórroga de dous meses por mor do atraso producido pola perda accidental de auga acontecida no terceiro andar. Porén, xa está a piques de ser rematada.