En total, os dous proxectos suman un orzamento total de 3.726.621,23 euros, restando só un permiso de Adif para poder iniciarse o nomeado proceso de licitación e posterior adxudicación
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, compareceu esta mañá de mércores, 4 de setembro, en rolda de prensa para dar contar da actualización de prezos en relación cos proxectos de reforma das rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar, e da creación do novo bypass de Mollavao.
Así, o primeiro dos proxectos, que vén dependendo da execución do segundo, vería aumentado o seu custo nun 9,67 %, pasando dos 2.231.108,11 euros iniciais a 2.446.858,84 euros. Pola súa banda, o bypass pasa dun orzamento de 938.824,63 euros a un novo de 1.279.762,39 euros, un 36,32 % de diferenza. Tal e como explicou Mosquera na súa intervención, esta suba vén propiciada «para evitar que queden desertos» os procesos de licitación.
Tramo | Anterior | Actualizado | Diferenza | Porcentaxe |
By pass | 938.824,63 | 1.279.762,39 | 340.937,70 | 36,32 % |
Rosalia/Bolívar | 2.231.108,11 | 2.446.858,84 | 215.750,73 | 9,67 % |
Total | 3.169.932,74 | 3.726.621,23 | 556.688,43 | 17,56 % |
As revisións de prezos foron encargadas aos mesmos proxectistas orixinais, xunto con algúns retoques a maiores de ambas as dúas obras. «A variación de prezos, ou a porcentaxe de variación, é distinta entre ambos os dous casos porque nun (o de Rosalía de Castro) só houbo que actualizar os prezos como tal, namentres no do bypass sube de cara a realizar unha mellora nas calidades que quere utilizar o Concello», explicou.
«O Concello sempre procura aquilatar o máximo posíbel os proxectos para que despois non haxa modificados nin sorpresas e poidan ser executados sen maior problema», sinalou Mosquera. A día de hoxe, o único tramite que sería preciso para poñer en marcha o proceso de licitación destes proxectos (a intención segue a ser facer unha licitación conxunta) é o permiso de Adif.
Tal e como indicou o concelleiro, agarda que nas próximas semanas este permiso se materialice e poidan os servizos técnicos poñer en marcha toda a documentación en marcha e facer estas obras unha realidade, mudando totalmente o aspecto e mobilidade na zona.