O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira é remador’ regresa a Pontevedra con dous recitais

39


O mércores 2 ás 19.30h. a libraría Metáfora acollerá un recital da man dos participantes ao poderá asistir público en xeral con entrada libre ata completar cabida.

O venres 4 ás 12h. o Teatro PrincipaL, a intervención estará destinada principalmente a clubs de lectura e rapazada dos IES da cidade previamente inscritos na actividada


Un ano máis Pontevedra será escenario para acoller o froito do Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ que entre o 30 de setembro e o 5 de outubro festexa a sú XIII edición na Illa de San Simón.

Esta xoia paisaxística, patrimonial e histórica  acolle seis novos talentos poéticos chegados dende os Balcáns a Latinoamérica, dende Transilvania ao Mediterráneo, empregando como remo ou lingua franca o inglés. Avanzarán nas augas dos versos para atopar tesouros que trasladar ás súas propias beiras: a do romanés e a do catalán, a do español colombiano, a do maltés, do serbio e do galego. Os afortunados e afortunadas son este ano Radu Vancu, Martí Sales, Andrea Cote, Nadia Mifsud e Petar Matović, en Galicia capitaneados/as por Jesús Castro Yáñez, mariñeiro poético da Pastoriza (Lugo).

Grazas aos recitais poéticos que, coma o resto da expedición, levarán un mascarón de proa chamado Yolanda Castaño, o público pontevedrés gozará da personalidade literaria, fondo coñecemento das súas culturas, manexo lingüístico, rebordante creatividade e experiencia na tradución. Intercambiarán bens e exportaranos ás súas costas nunha roda recíproca que á vez compartirán con moitas máis. Novas barqueiras e remadores convocando o fado —meigas fóra!— para se embarcar nesta venturosa travesía por décimo terceira vez.

Mércores 2 ás 19.30 na libraría Metáfora – En colaboración co Concello de Pontevedra. Recital en linguas orixinais, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión

Venres 4 ás 12h. no Teatro Principal de Pontevedra – En colaboración co Concello de Pontevedra. Especialmente dirixido a clubs de lectura dos IES do municipio, pero igualmente aberto ao resto de cidadanía.

Imaxe da pasada edición:

Participantes 2023