O servizo pioneiro posto en marcha desde o Concello de Pontevedra permitirá mellorar a conexión das parroquias do centro da cidade a través dun transporte a demanda que funcionará de luns a venres en horario de mañá
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anima a veciñanza pontevedresa a facer uso deste novo servizo, que será accesíbel por tres vías: web, teléfono e aplicación móbil
A partir do vindeiro luns, 7 de outubro, a cidadanía de Pontevedra poderá facer uso do Coche de Punto, o servizo de transporte a demanda impulsado polo Concello de Pontevedra. Trátase dun pioneiro método de transporte que poderá ser utilizado por todo aquel que o precise.
Tal e como explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación da súa posta en marcha, este novo servizo préstase a demanda, previa reserva, e afonda na idea de ofrecer unha mellor conexión entre as parroquias do municipio e o núcleo urbano de Pontevedra, a través dunha recollida na dirección que a persoa demandante facilite, para logo chegar a unha parada seleccionada entre as dispoñíbeis.
Cales serán esas 12 paradas situadas no centro urbano?
- Campus Universitario
- Centro de Saúde Virxe Peregrina
- Centro de Saúde de Lérez
- Centro de Saúde da Parda
- Centro especialidades Mollavao – Simón Bolívar
- Hospital Provincial
- Centro Hospitalario Montecelo
- Praza de Galiza
- Estación de tren – Vialia
- Mercado de Abastos
- Edificio administrativo da Xunta en Campolongo
- Edificio xulgados da Parda
O operador, que neste caso será un taxi da cidade de Pontevedra tal e como é sabido, deberá levar o indicador aceso, de ‘ocupado’; e un cartel indicativo co lema ‘Coche de Punto’, visíbel, na parte inferior do parabrisas dianteiro, no momento da recollida e do servizo.
O servizo prestarase nesta fase de posta en marcha, cun horario de 07.00 a 10.00 horas, e de 12.00 horas a 14.00 horas, de luns a venres, en tramos horarios dunha hora. A persoa usuaria no momento da reserva deberá realizar unha escolla dentro deses tramos horarios. Ademais, os usuarios e usuarias deberán efectuar a reserva antes das 20.00 horas do día hábil anterior á prestación do servizo.
O servizo será confirmado á persoa usuaria a lo menos pola vía na que se efectuase a reserva, antes das 22.00 horas dese mesmo día de reserva. Con dita confirmación o usuario recibirá un código de referencia ou verificación do título de transporte intransferible válido para o servizo solicitado, que deberá validar no momento de subida ao vehículo (Código QR / Código alfanumérico)
A primeira vez que se reserva, a persoa usuaria deberá darse de alta como usuaria do servizo, xa que os billetes se emiten a título individual e intransferible, aportando datos de identificación, dirección de referencia, e declaración respecto de si cumpre algunha condición de bonificación (só se pode escoller unha, xa que non son acumulábeis). A partir do 4 de outubro será posíbel facer as primeiras reservas.
Cómpre indicar que tanto para darse de alta como para logo solicitar o servizo existen tres vías distintas: a web www.cochedepunto.gal; o teléfono 986070066 e a aplicación móbil oficial do servizo (só en sistemas operativos Android).
Segundo o estipulado, as tarifas serían as seguintes (IVE incluído):
- Billete ordinario: 2,15 euros
- Billete para menos de 10 anos: bonificación do 100 %
- Billete para persoas desempregadas: bonificación do 25 %
- Billete para persoas xubiladas e da terceira idade: bonificación do 40 %
- Billete para persoas con mobilidade reducida cun grao igual ou superior ao 33 %: bonificación do 50 %
O Concello de Pontevedra asumiría pois os custes destas bonificacións, a baixada de bandeira (3,75 euros por servizo) e o termo variable (1,08 euros por quilómetro). O usuario só pagaría, como máximo, 2,15 euros por viaxe.
Nos primeiros tres meses da posta en marcha do Coche de Punto o servizo e as viaxes serán de balde.
O alcalde quixo felicitar a todos os implicados na creación e posta en marcha deste novo xeito de conexión no concello de Pontevedra, ao tratarse dun servizo pioneiro e nada de doado de sacar adiante a nivel administrativo e xurídico. «Consultouse a todo o mundo para poder facelo realidade e focalizalo desde o punto de vista legal», sinalou. «Imos ver como vai evolucionando e aplicando as correccións pertinentes para que funcione do mellor xeito posíbel. É un servizo único que resolve problemas que doutro xeito non poderían ser resoltos por mor da dispersión da poboación así como outras causas e características».
«A veciñanza do rural terá agora a posibilidade de programar as súas visitas a Pontevedra e o Concello axudará en gran medida a financiar esa viaxe», explicou o rexedor. «Estamos realmente contentos en poder celebrar esta posta en funcionamento».