O Concello de Pontevedra quere impulsar o apoio aos axentes intervenientes nos procesos de rehabilitación, co obxecto de conseguir a conservación do patrimonio construído e a rexeneración de zonas deprimidas. Créase pois, o directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación, conservación e inspección técnica de edificacións do Concello de Pontevedra, aberto a todas as empresas e profesionais que desexen inscribirse.
O obxecto da creación do directorio de axentes colaboradores e o de por a disposición dos solicitantes de actuacións en materia de rehabilitación, conservación e inspección técnica de edificacións, unha relación de axentes colaboradores para simplificar, facilitar e axilizar a xestión e a execución das obras. Este directorio terá, exclusivamente, un carácter informativo para os promotores, sen que en ningún caso a inscrición supoña un requisito obrigado para a execución das obras de rehabilitación ou inspección técnica de edificacións.
A inscrición no directorio terá carácter permanente, debendo os interesados, achegar unicamente aquela documentación que, pola súa data de caducidade, deba ser renovada en cumprimento das condicións da inscrición e, anualmente, unha declaración expresa responsable relativa á vixencia sen contradición das circunstancias que motivaron a inscrición no directorio.
O imcumprimento desta obriga suporá a suspensión provisional dos efectos da inscrición ata a súa emenda, procedendo á anulación definitiva de non emendarse.