Inicio En NEGRO Contra a Violencia

En NEGRO Contra a Violencia

Estimada / Estimado comerciante:

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Na última década, 42 mulleres foron asasinadas en Galicia e un total de 656 no conxunto do estado.

Desde a Concellaría de Igualdade consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos ao sector do comercio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.

“PONTEVEDRA EN NEGRO”. Propoñémosvos vestir de loito a nosa cidade, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Pontevedra, e sodes o gran escaparte que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Pontevedra libre de violencia!

Do 18 ao 28 de novembro, viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro, nós enviarémosche material  e información que tamén compartiremos nas redes sociais.

Esta campaña desenvolverase conxuntamente con outras vilas e cidades galegas baixo o lema Concellos en Negro contra a Violencia co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de todas e de todos,

Se queres participar só tes que cubrir o formulario desta páxina ou enviar un correo electrónico a elefantesdecacharreria@gmail.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono), deseguida contactaremos contigo.

Agardando contar coa túa participación, recibe un cordial saúdo.

Carmen Fouces
Concelleira de Igualdade
Concello de Pontevedra

Únete ou solicita máis información

    Acepto as Condicións da LOPD.