Inicio Pontevédrate Patrimonio cultural

Patrimonio cultural

O máis relevante da traxectoria seguida polo Concello de Pontevedra nos últimos anos en relación a todo o rico Patrimonio que existe no Concello resúmese en dous aspectos básicos:

  •     Por un lado, un enfoque global, sistémico, integral, de abordar a posta en valor do patrimonio, moi recoñecido na teoría pero profundamente novedoso na súa aplicación práctica.
  •     Por outro, a intensidade, cantidade e velocidade das actuacións que acadaron nun tempo récord ser practicamente masivas e mudar de xeito profundo a dinámica para transformala en moi positiva.

Concibir un proxecto de Concello, un modelo urbanístico, unha dinámica económica e social onde a posta en valor do patrimonio sexa unha peza chave integrada noutras liñas de actuación, sobordando unha concepción estritamente conservacionista e isolacionista, foi o punto de partida teórico sobre o que se basearon as decisións e as actuacións sobre o patrimonio, entendido este en senso amplo.

Dende os monumentos até as formas de vida, dende a rehabilitación clásica até os materiais novedosos, dende a dotación dos servizos mais modernos e avanzados até a alegría polos achados arqueolóxicos, dende as festas tradicionais até o realce do patrimonio con eventos como a Feira Franca, dende o patrimonio culto até o etnográfico e popular…., todos os aspectos foron impulsados á vez nun proxecto único pero diversificado e complexo que fertilizou todas as múltiples facetas implicadas: a tradición e o valor patrimonial con servizos e prestacións actuais, o orgullo colectivo coa funcionalidade económica, a conservación realzada con materiais e técnicas modernos.

Como resultado temos unha realidade que constitúe un orgullo colectivo e un grande éxito pedagóxico: o patrimonio, nas súas máis amplas acepcións, está visto como un activo, como un elemento positivo, como un factor de dinamización social e económica, pola inmensa maioría dos veciños e veciñas, superando así as reticencias que unha visión reducida e disciplinaria do patrimonio provoca en amplo sectores da poboación.

As actuacións foron múltiples e variadas: peonalización, rehabilitación total ou parcial dunha alta porcentaxe de edificacións protexidas, rehabilitacións senlleiras como as do Mercado, Colexio de Aparelladores, Peregrina, Museo, Arquivo, Pazo da Pedreira, Casa das Campás, Correos, etc, etc., rehabilitación de Muíños, Pontes, casas rurais,…..

Por outro lado, rehabilitación dos espazos públicos, dotándoos de novos pavimentos pero tamén de fibra óptica, gas natural, soterramento de cableado, mobiliario, etc., misturando, como sempre, tradición e modernidade, sobresaíndo o alumeado de deseño exclusivo. Todas estas actuacións fixeron de atractivo e motor para o reasentamento de actividades de residencia, comercial, oficinas,…, e para o uso e goce como espazos de convivencia e socialización. Dentro dos espazos públicos resinar tamén as actuacións especiais sobre o Camiño Xacobeo Portugués ao seu paso polo Concello de Pontevedra.

En canto á Arqueoloxía, foron tantos e tan grandes os achados que podemos dicir, sen temor a esaxeración, que se descubriu mais neste período que en toda a historia precedente: Muralla, restos romanos, cabeceira da Ponte do Burgo (escavación que documenta a historia de Pontevedra dende hai XIX séculos e que é das mais importantes de Galiza), ferrería, musealización da muralla, San Domingos, varios cemiterios,….

Para completar o círculo, todos os espazos que se ían recuperando, modernizando e mellorando, ían sendo utilizados para actuacións que lle deran vida e utilidade, a maior parte delas de carácter patrimonial: feiras, actividades culturais e festivas, etc, en número elevado e acorde as potencialidades de cada espazo. Sobran cea a Feira Franca, o evento de carácter medieval de meirande e mais rápido éxito de todos os que se celebran, que constitúe unha posta en valor masiva de toda a cidade histórica, tanto intra como extra muros.

O proceso de recuperación comezou en 1999. É un período moi curto para actuar profundamente sobre o Patrimonio; sen embargo, Pontevedra demostrou que poden ser de abondo para modificar absolutamente a tendencia e acadar unha recuperación e unha posta en valor que sorprende a propios e estraños. Na firmeza da decisión, na claridade dos principios, na fortaleza na convicción do enorme valor do noso patrimonio, na claridade no camiño de valorizar o propio, a xenerosidade de recursos a hora de impulsar as decisións, están as únicas claves de tan intenso e tan rápido camiño na recuperación dos activos patrimoniais de Pontevedra.