Pontevedra fixo a súa manda da lingua

97

A Concellaría de Normalización Lingüística quere levar o uso da lingua en todos os momentos da existencia dos galegos. Para iso ofertou hoxe a posibilidade a todos os pontevedreses de facer unha manda da lingua. Unha manda é unha disposición testamentaria que recolle que todo o que se refire ao pasamento se faga en galego, e de non ser posible, que se faga en silencio.

No acto tamén estivo presente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, un dos primeiros en facer esta manda da lingua.

Para que esta manda sexa legal, a Concellaría de Normalización Lingüística convocou un acto este venres no Pazo de Mugartegui onde os cidadáns, diante do notario Luís Darreux, que colabora nesta iniciativa, puideron asinar este testamento, esta manda da lingua. Para que fose totalmente legal, os interesados deberán acudir co seu DNI e unha fotocopia deste e asinar o seguinte documento:

Entendemos que a normalización lingüística debe abranguer todos os eidos da existencia das galegas e dos galegos sobre a terra, incluso aqueles arredor do intre da extinción da persoa. Entendemos que o exercicio da galeguidade e o noso compromiso individual ou colectivo coa terra e a lingua debe ser continuado e sen desfalecementos ata a mesma morte. Somos conscientes da enorme perda de identidade cultural e histórica, incluso das contradicións e incongruencias que acontecen en todo o relacionado cos actos fúnebres onde, paradoxalmente, a persoa xa desaparecida semella renegar da lingua nai que defendeu, empregou e aproveitou en vida.

Por iso, as persoas aquí presentes, abaixo asinantes, convocadas polo Concello de Pontevedra e pola Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Pazo da Pedreira da cidade de Pontevedra, o día vinte e oito de outubro de dous mil once, manifestamos o seguinte:

Que a lingua é a miña lingua, a lingua do pobo ao que considero pertencer e a lingua que quero que me acompañe ata a morte.
Que achegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro sexa realizado exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pida á miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito.

Que, se terceiras persoas, sexa da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desta miña derradeira vontade, pido a calquera outro familiar, amiga ou amigo que tivese coñecemento deste desexo meu, que tome todas as medidas para facelo cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en silencio".
 

COMPARTIR