Pontevedra recolle en Dubai o premio da ONU pola súa transformación

278

Unha brilantísima cerimonia presidida por unha autoridade dubaití (o director xeral da municipalidade), serviu para recoller o que polo momento é o máximo recoñecemento internacional ao modelo de cidade, o Dubai Award, unha distinción concedida polo organismo ONU Hábitat, que ten como obsectivo suliñar as mellores práticas para incrementar a calidade de vida da cidadanía en todo o planeta.

O alcalde Lores dixo despois da cerimonia sentirse moi orgulloso deste premio que merecen todos os pontevedreses, e que próximamente celebraremos na cidade. Puxo en valor a función da política na sociedade como xeito de mellorar a vida das persoas, e considerou un gran logro da nosa sociedade que sexamos o único referente institucional nesta décima xeira destes premios da ONU: “O resto dos premiados son moi valentes ONGs que traballan en situacións extremas de necesidade, pero nós estamos mellorando o noso medio desde a propia institución, e iso temos que defendelo con vigor: ter institucións fortes para que o poder público beneficie a todos os cidadáns”.

Precedido pola interpretación do himno nacional dos emiratos Árabes Unidos e a lembranza dalgúns versículos do Corán, deu comezo unha cerimonia na que proliferaron os agradecementos aos patricinadores do premio e os parabéns aos premiados, nas que os beneficiados non tiveron que falar.

Premio ONU-Habitat
Premio ONU-Habitat

O feito de que se conmemorasen os 20 anos desde a institución do Premio, que se entrega cada dous anos, serviulles para realizar un balance, que en cifrase resúmese en 4.900 candidaturas presentadas, de 140 países. Nesta décima ronda, as candidaturas fóron 319, que proviñan de 49 países.

A organización realizou un video no que se recollían as principais características de cada proxecto, que no acto de onte fóron explicados polo miudo, con turno de preguntas incluído. Despois da proxección do audiovisual, os premiados fóron subindo ao escenario a recoller cadanseu premio, que consistía na reprodución dunha construción tradicional do deserto que servía para manter a vivenda fresca e recoller a humidade do aire, ademáis dun diploma e o cheque de 30.000 dólares, que foi recollido posteriormente por cada beneficiario.

En representación da cidade, Lores recolleu o galardón acompañado do Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle.

COMPARTIR