Pontevedra premiada en Nova York

427

O Concello de Pontevedra acaba de recibir o premio Excellence do Center for Active Design,  unha organización sen fins de lucro con sede en Nova York que promove solucións de arquitectura e planificación urbana para mellorar a saúde pública. Pretende promover e expandir as Directrices de deseño activo creadas pola cidade de Nova York. Este centro mantén unha perspectiva multidisciplinar á hora de trasladar a investigación sobre a saúde a solucións de deseño que amplían o papel da arquitectura e o urbanismo na mellora da saúde pública e o benestar. Traballa en transformar a sáude das comunidades a través do deseño reducindo o risco de obseidade e enfermidades crónicas mediante a promoción da actividade física e o acceso a alimentos saudables a través do deseño de edificios, rúas e barrios.

Esta axencia foi creada polo filántropo e anterior alcalde de Nova York, Michael Bloomberg, que en colaboración con múltiples departamentos do Concello así como con despachos de arquitectos e deseñadores moi reputados da cidade puxeron en marcha este proxecto que pervive logo de que Bloomberg deixara á Alcaldía.

O premio será entregado no Columbus Circle de Manhattan o vindeiro 11 de maio nunha entrega que se celebrará ás 18.30, hora local.

Pontevedra foi informada a través dun correo electrónico enviado polo Center for Active Design no que se indicaba: “Es un placer poder informarles que su proyecto, ‘Pontevedra: Un Modelo de Ciudad Centrado en las Personas,’ fue elegido como uno de los ganadores del Center for Active Design: Excellence Awards. Nos gustaría hacerles unas preguntas acerca de la maravillosa transformación de Pontevedra. Queremos obtener la mayor información posible para poder representar el proyecto de la mejor manera cuando lo mostremos en la recepción de premios”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores compareceu esta mañá acompañado de varios dos membros do equipo que axudou a configurar o modelo de cidade agora premiado. O alcalde explicou que “estamos orgullosos de recibir o premio da cidade e para a cidadanía, xa que esta transformación non se pode facer se non existira a colaboración da maior parte da cidadanía”.

Sen dúbida, este é o premio de maior proxección internacional que recibe a cidade de Pontevedra.

COMPARTIR