Pont Up Store elixe 36 proxectos de emprendemento entre 115 propostas presentadas

33

O PONT-UP STORE chegará en outono a Pontevedra por terceiro ano consecutivo, para consolidarse como evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois dun duro proceso de selección, no que se partía dun total de 115 solicitudes de participación recibidas (87 para a modalidade de stand e 28 para actividades de dinamización) escolléronse os 36 proxectos de emprendemento mellor cualificados – todos con menos de 3,5 anos de vida- para ter presenza na carpa que se instalará os días 23 e 24 de setembro na Praza de España de Pontevedra. En canto á procedencia das candidaturas, cerca dun 70% teñen base en Galicia, menos dun terzo na cidade de Pontevedra, e hai algunha presenza puntual de candidatos de Braga (Portugal), Madrid e Xixón.

Destes 36 emprendedores, 33 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización desenvolvendo propostas como obradoiros para pequenos emprendedores, para facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos, para adestrar a nosa boa sorte, para aprender a elaborar cervexa, para introducirse na arqueoloxía ou para facer ‘kimchi’. Tamén haberá sesións prácticas de pedagoxía Montessori; montaxe dun coche en equipo; demostracións de robótica; unha gimkana de probas mediante a APP DOGOPLAY, a presentación da revista infantil ALEHOP, contacontos, presentación de discos e ata un programa de radio en directo.

Pedro Figueroa, director Pont-Up Store, destaca “o éxito de convocatoria desta edición na que se conseguiu superar as candidaturas do ano pasado, e houbo que facer un esforzo para combinar as distintas modalidades de participación e dar o máximo número de oportunidades aos emprendedores”. Tamén sinala a “variedade das propostas emprendedoras, cunha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica“. Por último, Figueroa afirma que “o futuro de Pontevedra é que se instalen aquí emprendedores e que se convirta nunha cidade innovadora”.

Xornada Previa e Programa Paralelo

O Pont-Up Store concentará este ano a actividade en tres días: unha xornada previa o xoves 22; e o espazo emprendedor instalado baixo a carpa da Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro. Nesta edición o Pont-Up Store chega cargado de actividades complementarias que suporán un forte atractivo para participantes e visitantes e que contemplará aspectos relacionados co cooperativismo e a economía social nas que destaca unha sesión de Coaching Executivo para persoas emprendedoras en encomia social. As tendencias do ecosistema emprendedor estarán presentes durante todo o encontro a través de sesións de networking gamificado, charlas, obradoiros, unha maratón creativa e un fab lab de impresión 3D e Gravado Láser onde se xuntarán makers de todo o país.

Puntazo Exprés

Nesta edición preséntase como unha das grandes novidades unha terceira modalidade de participación que levará por nome PUNTAZO EXPRÉS e que nace a partir da experiencia do programa PONTEVEDRA TEN UN PUNTAZO, da Concellería de Promoción da Cidade, encabezada por Anabel Gulías. Esta modalidade abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá a 10 novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.

BASES: https://pontupstore.com/2016/images/documentos/puntazo-expres_pontupstore.pdf

ABANCA será a responsable do obradoiro @Preparados para o investimento: O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa”, que impartirá a coordinadora adxunta de Educación superior de AFUNDACIÓN. AJE, pola súa parte, propón a charla “Que a túa empresa brille con luz propia” na que intervirá Modesto Luis Gómez y Rodríguez, formador de marketing e estratexia do INCYDE. A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela súmase á programación coa presentación ERASMUS PARA NOVOS EMPRENDEMENTOS: Programa de Mobilidade e intercambio de coñecementos con empresarios exeperimentados en Europa, a cargo da experta en programas europeos Belén Mendoza. E a Deputación de Pontevedra, a través do seu asesor TIC, Alberto Falcón, encargarase de impartir o obradoiro “Coñece a rede SAMRTPEME e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais”. O programa complétase cun encontro de emprendemento no ámbito musical e sesións de networking entre os emprendedores de todas as edicións.

Ademais, a organización quere ofrecer aos participantes un binomio negocio + ocio con actuacións musicais programadas para a noite do venres 23. O sábado 24 ás 20:30 terá lugar o acto de clausura no que se entregarán os premios aos mellores proxectos de emprendemento.