Igualdade reforza a súa presenza entre a veciñanza a través dunha nova web

49

    • igualdade.pontevedra.gal é a dirección da nova páxina que arranca co teléfono 016 gratuíto e sen rastro na factura, ao que poden chamar as vítimas de violencia machista.
    • Na nova páxina atópanse recursos para atención ás vítimas, os órganos de xestión da Concellaría como o Consello da Muller ou a Mesa da violencia, e os programas educativos co material docente que se elabora, entre outros.

O Concello de Pontevedra dá un chanzo máis na oferta dixital para os veciños, nesta ocasión cunha nova páxina web do Servizo de Igualdade. É a primeira vez que o Concello crea unha páxina específica para esta finalidade, xa que até o e agora Igualdade formaba parte da oferta do web de Benestar Social. Co obxectivo de dar maior importancia á área de Igualdade e de manter a relevancia desta problemática social entre a veciñanza de Pontevedra, a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces decidiu dar prioridade á creación desta ferramenta web, na que o servizo de comunicación leva traballando varias semanas.

A dirección da páxina é igualdade.pontevedra.eu, seguindo o mesmo criterio que outras páxinas de recente creación no Concello como promocion.pontevedra.eu ou redeaxuda.pontevedra.eu

A nova páxina abre informando que do teléfono 016, o número gratuíto ao que pode chamar calquera muller maltratada e non deixa rastro na factura. Este slide será permanente na páxina, porque a Concellaría considera fundamental dar ferramentas ás mulleres para que poidan saír da situación de violencia que viven, e o primeiro paso é denunciar. Ademais, ao carón deste slide, aparece o contacto do Centro de Información á Muller de Pontevedra cos diferentes servizos que presta.

Tamén se ofrece unha sección de novas, e as imaxes da última campaña que faga a concellaría, neste caso é a do #prinacoso, que tanto éxito tivo este pasado 25 de novembro.

Na parte final da páxina hai un formulario para enviar suxestións, preguntas… ao servizo de Igualdade así como o pase ás páxinas de Redeaxuda e Benestar Social (en construción), en moitas ocasións moi vinculadas a Igualdade.

O CIM

O menú de igualdade.pontevedra.gal explica que é o CIM (Centro de Información á Muller) e os servizos que presta: xurídico, laboral, social e psicolóxico. En cada unha das pestanas pódense topar recursos vinculados á denuncia da violencia machista. Tamén se poden topar teléfonos de urxencias (Policía, Garda Civil, centros sanitarios…) e outros documentos como as memorias do CIM (a do pasado ano está en elaboración).

Na pestana de Igualdade pódese consultar os Plans de Igualdade pasados e o proceso de contratación do novo Plan de Igualdade; a creación do Consello da muller con todas as entidades que o integran; a Mesa da violencia e a súa regulación; e os premios universitarios Ernestina Otero cos últimos traballos premiados.

A páxina tamén recolle as campañas que ten realizado o Concello nestes últimos anos tanto con motivo do 25 de novembro como do 8 de marzo, ademais da campaña de En negro contra a violencia, á que se sumou o Concello de Pontevedra.

A parte educativa é unha peza fundamental da páxina, xa que a prevención é o eido no que hai que traballar para evitar futuros problemas. Neste apartado recóllense as memorias dos programas nAmorAndo e outros recursos como unidades didácticas para escolares ou docentes.

Tamén hai unha sección na que se poden consultar os cursos que cada ano oferta o CIM ou galerías de fotografías, vídeos e publicacións da Concellaría. 

Saúdos  ;-))