Lourizán repasa a súa historia

    31
      • A exposición inaugurarase o venres, ás 20.30 horas na praza Marqués de Valterra.

    O Concello de Pontevedra inaugurará o este venres, 9 de xuño, ás 20.30 horas na praza de Marqués de Valterra a exposición “Lourizán”, un percorrido histórico pola parroquia, que se centra en varias actividades municipais de presente e futuro, como o ARI, as últimas reformas e obras, o e o proxecto da Casa da Cultura, finalidade para a que se restaurará o edificio do antigo mercado, e principal argumento para crear esta exposición.

    En total son 9 cubos e 3 estruturas máis grandes, reutilizadas de pasadas exposicións municipais. As partes superiores dos cubos conteñen o percorrido documental, con pequenos textos que fan referencias ás pegadas máis significativas da historia da parroquia, e que son da autoría de Enrique Sotelo, arquiveiro municipal.

    Resulta moi curiosa a atribulada historia do antigo mercado, un edificio que foi obxecto de numerosas intencións, plans e impulsos desde o Concello, detalles que foron meticulosamente perseguidos por Sotelo.

    Os oito cubos temáticos adícanse á xeografía, ás primeiras pegadas, á configuración actual da parroquia, ás igrexas, ao ferrocarril, ao tranvía, ao pazo de Lourizán, ao mar, e áimportancia do lecer, especialmente, a inicios do século XX.

    Os tres restantes fan un repaso á ARI e as accións de restauración que se levaron a cabo en Estribela; a algunhas obras que se realizaron ultimamente en toda a parroquia, e por último á historia do antigo mercado e a recreación virtual do que será o futuro centro cultural

    Os laterais dos cubos, que estarán pousados sobre a herba da zona verde, conteñen 48 fotografías de tamaño aproximado de 80×50 cm, case todas históricas. Algunhas delas recibiron un tratamento gráfico de cor, realizado polo fotógrafo e artista gráfico Emi Ramírez.