Empresas e Concello inician a “conquista” de Ciudad de México

130

Pontevedra foi unha das cidades protagonistas da inauguración da feira Expopymes na Cidade de México e o rexedor Fernández Lores un dos protagonistas do acto de inauguración, no que participou a primeira autoridade da capital mexicana, Miguel Ángel Mancera, quen se mostrou encantado de que a cidade galega participase neste evento aportando a súa experiencia de transformación.

Precisamente a transformación radical da cidade foi un dos argumentos de Miguel Anxo Fernández Lores no acto de inauguración, no que tomou a palabra xunto á senadora Dolores Padierna e outros cargos locais. O de Pontevedra foi o único representante estranxeiro en tomar a palabra, nun acto no que tamén participaban cidades de Ilinois, San Antonio, Phoenix, Novo México e Nova York.

Lores destacou o importante que era demostrar ao mundo que se poden facer cidades diferentes ás que habitualmente se conciben, e que grazas á mobilidade alternativa poden converterse en espazos de maior calidade. As autoridades locais trazaron discursos relativos a temas en México tan candentes como a negociación do Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos de Trump, ante o que o alcalde da CDMX dixo que se México ten que renunciar a el, o país sairá adiante, como sempre saíu. Varios dos discursos estiveron relacionados co emprendemento, xa que boa parte das PEMES son iniciativas de autoemprego. Este sector da economía aporta un 52% do PIB e un 72% do emprego deste país.

O stand de Pontevedra en Expopymes é un dos máis sobresaíntes da Feira, e ocupa o lugar de privilexio que lle outorgaron os organizadores. Nel teñen especial protagonismo os representantes das 10 empresas que acompañan ao alcalde e á concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. Desde primeira hora celebráronse numerosas entrevistas de negocios, que foron sucedéndose coas que medios locais lle dedicaban ao alcalde Lores para interesarse polo modelo de cidade.

COMPARTIR