• O Concello editará un libro sobre María Vitoria Moreno, “un percorrido sobre a Pontevedra dos afectos” da autora
  • A homenaxe ás represaliadas no rural será en Mourente, após das feitas anos antes en Salcedo e Lérez
  • O Teatro Principal acollerá en novembro a lembranza ás mestras e mestres expulsadas/os do Maxisterio na ditadura
  • A loita das mulleres en conflitos da segunda metade do século XX centrará o 1a acto do programa deste ano

O programa A Memoria das Mulleres, que promove a Concellería de Patrimonio Histórico entra no seu quinto ano, un traballo de longo percorrido, o que da a ontinuidade e estabilidade necesarias para que este tipo de proxectos dean froitos. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, deu a coñecer hoxe os obxectivos para este ano e fíxoo acompañado por tres colaboradoras: Carmela Sánchez Arís, Montse Fajardo e María Abilleira.

Bará lembrou que traballan en tres ámbitos:
– A investigación, a través de fontes documentais e orais.
– A divulgación, en distintos formatos, tanto nas redes como en publicacións, exposicións, conferencias, charlas…
-O ámbito das homenaxes, moi importante para visibilizar os coñecementos alcanzados durante o desenvolvemento do programa.

“E tamén temos tres ámbitos temáticos que teñen que ver con tipoloxías distintas de mulleres” sinalou Bará xa que “normalmente cando se fai un traballo sobre as mulleres – historicamente silenciadas e esquecidas- céntrase a atención en determinados perfís, mulleres intelectuais, con perfil artístico, literario e ultimamente científico pero non se atende tanto ás mulleres de perfil traballador, das clases populares e tampouco ás que foron represaliadas pola súa ideoloxía durante o franquismo o por seu parentesco con militantes represaliados”. Por outra banda hai outro ámbito fundamental: levar ás mulleres ao espazo público o que supón “unha maneira de facer visible este recoñecemento e levar as mulleres a espazos centrais da cidade como nomes das rúas, as prazas ou outras fórmulas como pode ser a sinalética”.

Para este ano 2018 a Memoria das Mulleres vai a centrar o esforzo nos seguintes obxectivos:

  • Páxina web, ao final de ano será presentada. Será o grande escaparate do feito ao longo destes anos. Dar a coñecemento público toda a información, en forma de biografía, artigos, fotos, vídeos…
  • Espazos públicos, potenciar a presenza das mulleres nos espazos públicos mediante unha publicación do Roteiro en feminino de Pontevedra, a través da sinalítica urbana e co incremento de nomes de muller en prazas rúas e espazos públicos.
  • As mulleres creadoras, como homenaxe a María Vitoria Moreno na súa faceta como mestra, como escritora, tradutora, tamén como muller comprometida social e politicamente.

Carmela Sánchez Arís estará ao fronte do traballo das mulleres creadoras, artellada en tres fases:
– A elaboración dunha listaxe a raíz de publicacións existentes
-O estudo de biografías concretas de creadoras entre o ano 1845, cando comezou o instituto de Pontevedra e 1910, ano que o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes publica a Real decreto que autoriza a matriculación de mulleres na ensinanza.

– Até o 1936, ano do golpe de estado e no que se desenvolve en Pontevedra o Salón de Primavera que organizaba Radio Pontevedra.

Pola súa banda a xornalista e escritora Montse Fajardo traballa nunha publicación sobre María Vitoria Moreno, “un percorrido sobre a Pontevedra dos afectos da autora”, que verá a luz a finais de abril. De seguido seguirá profundando no análise da represión sobre as mulleres, e para após do verán celebrarase un acto de recoñecemento nas parroquias que será en Mourente, como anos antes foi en Salcedo e Lérez. Por último e no horizonte de novembro, traballará na preparación da homenaxe do Teatro Principal que nesta ocasión estará adicado ao Maxisterio, ás mestras e mestres separados para sempre ou temporalmente da ensinanza. Sumarase aos homenaxes feitos ao funcionariado, ás mulleres represaliadas e a xente solidaria.

María Abilleira será a responsable de facer a web de A Memoria das Mulleres, a páxina que visibilizará o traballo realizado e que incluirá textos, entrevistas, fotografías, vídeos…. Estará en marcha ao final de ano.

Primeiro acto da nova edición

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, anuncio xa o que será o primeiro acto do programa A Memoria das Mulleres 2018 no que se porá en valor a participación das mulleres en varios conflitos na segunda metade do século XX: a loita das mulleres en defensa do agro, do rural, nas Irmandades de Labradores na década dos anos 50; nos 60 a loita contra as dragas en Ponte Sampaio e contra Celulosas, e a loita contra a autoestrada posteriormente e en defensa do monte comunal.

Este primeiro acto terá lugar o próximo xoves, 22 de marzo, ás 19.00 horas na Casa das Campás.