2.000 profesionais da arquitectura e o urbanismo, interesados polo modelo Pontevedra en Ciudad de México

46
  • O alcalde Lores impartiu esta mañá unha conferencia maxistral en Mextrópoli na que recomendaba que cada cidade siga o seu propio camiño, cumprindo sempre a idea de facer cidades sustentables para todos.
  • Tamén foi entrevistado pola revista especializada Arquine sobre como se puxo en marcha o modelo e como se pode exportar a outras urbes do mundo.

Ante un auditorio de arredor 2.000 persoas (a gran maioría profesionais do urbanismo e da arquitectura e estudantes), o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu esta mañá unha conferencia sobre a cidade do Lérez no foro Mextrópoli, Festa da Arquitectura e Cidade que se desenvolve durante a xornada de hoxe e de mañá no Teatro Metropólitan de Ciudad de México, e que concita miradas internacionais que acoden a este foro a ofrecer a súa visión sobre a arquitectura, o urbanismo e o crecemento das cidades.

Na súa intervención, de media hora de duración, o alcalde non quixo dar receitas de como crear unha cidade para todos “cada unha ten que seguir o seu propio camiño”, pero si que defendeu que “todos coincidimos en querer crear cidades sostibles”. As receitas de Pontevedra suscitaron a atención e a sorpresa do público que seguiu moi atento as explicacións dun modelo olístico centrado, fundalmentalmente, na xestión dos espazos públicos, na xestión da auga, do aire, dos residuos e dos espazos naturais.

O alcalde compartiu a mañá co cronista mexicano Héctor de Mauleón; o arquitecto Valerio Olgiati, gañador do premio mellor edificio de Suiza 2010; o arquitecto Felipe Uribe de Bedout; Aaron Betsky, comisario da 11o edición da Bienal de Venecia; Klaus, arquitecto e

ilustrador; e Manuelle Gautrand, premio europeo de arquitectura 2017. Pola tarde a sucesión de persoeiros do mundo da arquitectura e da arte mantiña igual nivel.

Entrevistado por Arquine

A continuación, o alcalde foi entrevistado por Francisco Brown, arquitecto e deseñador de Manhattan e correspondente en Nova Iorque da revista especializada Arquine, adicada á construción da cultura arquitectónica, xerando contidos especializados dende diferentes ámbitos: revistas, redes sociais, radio, concursos, congresos, festivais, posgraos ou libros.

O xornalista amosouse interesado en como se pode “replicar unha cidade” como a de Pontevedra, ao que o alcalde centrou a súa resposta sobre dous piares: a recuperación do espazo público e apostar por cidades compactas. Como pasou da teoría á práctica ou como participa a iniciativa privada de todo este modelo e a actual xentrificación das cidades, foron outras das cuestións polas que se interesou o traballador de Arquine.

Fernández Lores aseguroulle que os dous sectores teñen o seu papel: se a parte pública ten ben definidas a regras de xogo e ten suficiente oferta de solo, pode chegar a influír no prezo da vivenda. Son dúas forzas que se complementan, pero sempre hai que ter en conta que non se pode deixar á cidade en mans dos intereses privados como é o caso dalgunhas grandes urbes do mundo na actualidade.

COMPARTIR