O Concello reforza a administración electrónica dándolle máis capacidade aos equipos informáticos 

42
    • Trátase da contratación de tres novos servidores que permitirán mellorar a capacidade interna de traballo dos ordenadores municipais
    • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Econocom Servizos S.A. o contrato para a consolidación da infraestrutura de virtualización do Concello de Pontevedra. Trátase da compra de tres novos servidores e dous conmutadores de fibra para substituír tres servidores que teñen máis de 6 anos, e se precisa que dispoñan de máis capacidade.

Algúns dos servizos que se executan sobre estes tres servidores son:

    • Directorio activo do Concello (validación de usuarios e asignación de permisos)
    • Xestor documental (no que se almacena todos os documentos que se xeran coa aplicación de xestión de expedientes)
    • Ferramenta de xestión de expedientes
    • Xestor de correo electrónico corporativo
    • Intranet municipal
    • Proxy para a conexión coa rede SARA (rede interadministrativa)
    • Aplicación de inventario
    • Servidor de DHCP (asignación de enderezos a máquinas que se conectan á rede municipal)
    • Intranet de servizos sociais

Estes novos equipamentos dixitais permitirán mellorar as prestacións dos equipos informáticos municipais, facilitando o labor diario dos traballadores públicos e, polo tanto, a atención aos veciños en termos de fiabilidade e rapidez.

A adxudicación foi por 47.483,29 euros e a empresa ten un prazo de execución de 2 meses para a instalación destes equipos.

O Concello asumirá con fondos propios esta contratación, se ben está incluída dentro dos proxectos municipais susceptibles de financiación cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que asumirán o 80% do gasto e o 20% restante correrá a cargo do Concello.

Fondos FEDER

A intervención contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no tocante ao reforzo das aplicacións dixitais para a administración electrónica.