Nace Trocalibros, a plataforma que permite intercambiar libros escolares entre as familias pontevedresas

150
    • Está pensada para todas as familias dispostas a permutar os manuais pero que non entran no Banco de libros escolar.
    • Os requisitos para participar son: estar matriculado nun centro de Pontevedra; cursar entre 3º de Primaria e 2º de Bacharelato; os libros deben estar en bo estado, e non pedir contías económicas.
    • Trátase dunha experiencia novedosa en todo o Estado, polo que o seu éxito será maior, cantas máis familias participen.

O Concello de Pontevedra pon en marcha, dende hoxe, unha nova plataforma de intercambio de libros escolares para todas as familias que teñen aos seus fillos matriculados en centros de ensino do concello. Chámase Trocalibros e reside na seguinte dirección web: trocalibros.pontevedra.gal

Esta iniciativa xurde porque as concellarías de Benestar Social, Educación e Novas Tecnoloxías teñen detectada a existencia dun grupo importante de poboación que queda fóra do sistema de préstemo de libros da Xunta de Galicia (e do banco de libros escolares, polo tanto) pero que están en disposición de intercambiar os libros dos seus fillos e fillas, ampliando, polo tanto, a vida útil dos manuais, ademais de ter outras avantaxes como reducir a cantidade de refugallo, crear unha conciencia social (e escolar) fronte ao consumismo, e construír unha sociedade máis sustentable e solidaria, en definitiva.

É coñecido que o Concello de Pontevedra, anos atrás, creara un banco de libros con esta mesma finalidade e que obtivera exitosos resultados. O proxecto, finalmente, tivo que ser desmontado unha vez que a Xunta de Galicia implantou o sistema de préstemo de libros e de bancos de libros nos centros de ensino, cos manuais subvencionados ás familias que si cumprían os requisitos.

Aquel banco deixou fóra a un grupo de poboación que está en disposición de seguir intercambiado os libros dos escolares, polo que o Concello realizou ao longo deste curso unha plataforma dixital na que os pais e nais interesados poderán intercambiar os manuais de balde.

O seu manexo é sinxelo. As familias deben facerse usuarios/as da plataforma e logo  encher no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia, o sistema lle facilita os datos de contacto.

Ao tratarse de manuais excedentes, non se pode garantir que estean dispoñibles todos os libros que se solicitan, pero o éxito do sistema reside na achega das familias. Cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan, máis oportunidades terán todas elas.

    • A plataforma é autónoma, aínda que está supervisada polos servizos municipais. A pesar diso, os catro requisitos necesarios para participar son:
    • Os escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade.
    • O intercambio abrangue os cursos dende 3º de primaria e ata 2º de bacharelato.
    • Os libros deben estar en bo estado.
    • Non se pode pedir ningunha cantidade económica polos manuais. O intercambio é de balde.

O Concello é consciente de que se trata dunha acción moi novedosa -incluso en todo o Estado-, polo que pide a todas as familias que fagan uso dela e que queiran contribuír a mellorala, fagan todas as achegas que consideren oportunas, para ofrecer un mellor servizo nos vindeiros anos. Poden facer chegar estas suxestións a través do correo electrónico que figura na propia plataforma