Yaracán, elixido Mellor emprendemento do 5ª Punt Up Store

68
  • O xurado destaca “a proxección e espírito de compromiso social” de empresa de terapias asistidas con animais
  • Foron premiados tamén: Exga3D, Espacio Matrioska, Mulleres Atlánticas, XTonebox, Las flores de Greta, SPA-CC e Gaming Troop
  • Pont Up Store convocou a 25.000 participantes e asistentes na Boa Vila nos tres días de encontro

Hoxe foron entregados no recinto do Pont-Up Store os premios que o comité organizador concede en cada edición aos mellores emprendementos nas diferentes modalidades do encontro. Ao acto asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promocíón Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; María del Carmen Fernández Penas, Directora Territorial de Abanca en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, que manifestou que “o mellor premio para as empresas é estar aquí seleccionadas aproveitando esta plataforma e as oportunidades que lles brinda para lanzar, testar e visibilizar o seu negocio”.

Yaracán, conseguiu facerse co premio ao MELLOR EMPRENDEMENTO coa súa proposta de facilitar terapias asistidas con animais para mellorar as capacidades de comunicación de persoas con distintas diversidades funcionais como por exemplo mozas e mozos con síndrome de Down. Durante o encontro esta empresa de Vigo estableceu unha alianza con Bichoh!, outra das iniciativas participantes, que se dedica ao deseño e fabricación de complementos artesáns para cans e que ten base en A Coruña. Yaracán conseguiu ademais o premio na categoría de TURISMO, OCIO E BENESTAR.

Na categoría de ALIMENTACIÓN E RESTAURACIÓN, a empresa premiada foi a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómíca ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que sorprenden e que ademais poden achegar solucións ao mundo da saúde elaborando por exemplo pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e apetecibles destinados a nenas e nenos. Pero sen dúbida a mellor liña de negocio desta empresa son os decartes e despeces de vexetais, peixe ou carnes con altor valor nutricional pero pouco apreciados no mercado polo seu aspecto, que unha vez transformados poden convertirse en productos de alto valor engadido. O proxecto está trunfando a nivel internacional e xa conta co apoio do Basque Culinary Centre. No Pont- Up Store iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacks de froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nen azúcares engadidos, que semellan lograr o imposible, comer chuches saudables, e que coa axuda de Exga3D poderían presentarse no mercado con múltiples formas e propiedades.

Na categoría de FORMACIÓN, EDUCACIÓN, ARTE E CULTURA, o premio foi para Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que levan a cabo un grupo de mozas e mozos instalados no concello ourensán de Os Blancos, responsables de fermosísimos murais en toda a comarca e tamén do Festival Reina Loba que conta xa dúas exitosas edicións.

Na categoría de COMUNICACIÓN, DESEÑO GRÁFICO E EVENTOS, as gañadoras foron as Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras nacida a raíz das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxias e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas.

Na modalidade de ENXEÑERÍAS, CONSULTORÍAS E OUTROS SERVIZOS, fíxose co premio outra empresa viguesa, Xtonebox, que sorprendeu cunha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade.

En DESEÑO DE MODA, COMPLEMENTOS E DECORACIÓN, as gañadoras foron Las Flores de Greta, outra empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións textis elaboradas coa técnica do ecoprint, coa que conseguen trasladar os pigmentos naturais de follas e flores a tecidos de orixe orgánica. Entre os seus servizos estrela ofrecen a posibilidade de transferir a unha prenda de seda os ramos de boda ou de calquera evento sinalado que demande a clientela.

Por último, na categoría de TIC’s e NOVAS TECNOLOXÍAS o comité decidiu conceder un premio dobre a dúas empresas pola súa implicación das actividades do ESPAZO GAMING que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de entornos visuais para videoxogos; e á asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de gamers entre os que promove o compañeirismo, a competitividade sana, o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo a filosofía de pasalo ben. Teñen un local en Pontevedra e equipamentos para desenvolver todas estas actividades, e durante o Pont-Up Store desenvolveron torneos arredor de diferentes videoxogos.

Balance

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, mostrouse “moi satisfeito polos resultados desta 5ª edición que demostra que sacar ás emprendedoras e emprendedores á rúa e poñelos en contacto directo co público é o mellor xeito de visibilizar o talento empresarial que temos en Galicia”. Figueroa sinalou tamén a gran capacidade deste encontro para poñer en contacto a emprendementos complementarios “que inician aquí alianzas e colaboracións para mellorar e diversificar os seus negocios”.

Por último, o director do encontro avanzou que “en futuras edicións a organización seguirá traballando para dar voz aos proxectos máis transformadores do país, pulando pola economía social como fórmula empresarial sostible e de futuro, e dando espazo ás propostas das mulleres emprendedoras de Galicia.

COMPARTIR