Informatizamos San Amaro: datos e servizos a golpe de clic

66
  • Elaborouse unha base de datos cos movementos rexistrados do cemiterio (de titular, inhumacións, variacións na propiedade…) dende o ano 1912 e o inventario dos nichos e panteóns e se está a implementar a xestión electrónica
  • O interese polo patrimonio cultural e artístico que hai no camposanto fai medrar o número de roteiros escolares e as visitas guiadas
  • O Concello pon a punto os cemiterios municipais cara o día de Defuntos

Un servizo con xestión administrativa, atención ao público e dispoñibilidade de información propia do século XXI. Con este obxectivo o departamento municipal de Cemiterios, que dirixe a concelleira Carme Fouces, traballa na posta ao día de San Amaro e dos outros camposantos do Concello, guiado por tres liñas de actuación:

  • implementación informática
  • mellora do equipamento técnico e mecánico e das condicións de traballo dos operarios
  • posta en valor do patrimonio cultural e arquitectónico que hai nestes espazos.

Coa festividade de Todos os Santos á volta, unha data que encherá de xente os camposantos de Pontevedra, o departamento de cemiterios fai balance das melloras incorporadas no último ano.

O tránsito de San Amaro ao século XXI avanza chanzo a chanzo. O proceso de informatización comezou coa introdución e acceso aos datos básicos do cemiterios: definición da propiedade, titular, inhumacións feitas, variacións rexistradas (titularidade, movemento de restos, agrupamentos…) dende o ano 1912, data dende a que se garda a documentación dun xeito máis o menos sistemático.

Rematada esta fase fíxose o inventario de todos os nichos de cemiterio e hoxe en día estase traballándose na elaboración do inventario dos panteóns.

O programa informático co que se está a traballar permite introducir información sobre persoeiros senlleiros enterrados no cemiterio pontevedrés e sobre tumbas e panteóns con valor artístico e arquitectónico. Esta información atópase en proceso de elaboración xa que ademais dun valor descritivo ten o afán de poñer en valor o noso patrimonio.

Ao final, como ramo do proceso de informatización, instalarase unha pantalla/ordenador no exterior coa información sobre o cemiterio (planimetría, localización de nichos e panteóns,…) para que a xente que se achegue poda consultala a golpe de clic.

Aínda que, nesta primeira fase, é San Amaro o cemiterio que está a concentrar os esforzos de renovación, xa están feitas as planimetrías dos outros camposantos de titularidade municipal: Campañó, Lourizán, Bora e Ponte Sampaio.

Por outra banda nos últimos tempos mellorouse o equipamento do servizo coa adquisición dunha furgoneta e maquinaria (desbrozadora, de limpeza…), ademais de renovar material en mal estado polo uso. Ademais repúxose a iluminación no cemiterio de Campañó.

O servizo municipal de Cemiterios conta cunha nómina de oito traballadores: 2 de administración, e un reforzo nesta etapa de informatización dun auxiliar administrativo, e unha brigada de 6 sepultureiros que tamén fan labores de mantemento e coidado dos xardíns dos recintos funerarios. Paraa axudar á realización das tarefas de coidado e mantemento dos cemiterios, o Concello ten previsto asinar no próximo ano un convenio de colaboración coa Asociación Xoán XXIII.

A posta en valor do patrimonio cultural, artístico e arquitectónico do cemiterio de San Amaro é tamén de interese para o Concello. Persoeiros do mundo da cultura, da política, artistas, figuras relevantes na historia da cidade e do país están enterrados en San Amaro, entre outras, as irmáns Mendoza, Alejandro Rodríguez- Sesmero, Manuel Quiroga, Alexandre Bóveda, Josefina Arruti ou María Victoria Moreno. Coñecer as súas tumbas como colofón das súas vidas, mais tamén apreciar a beleza artística de panteóns, estatuas ou elementos ornamentais -como a súa entrada neoclásica- constitúe un exercicio de aprendizaxe ao que se suma cada vez máis xente. Roteiros protagonizados por alumnos e alumnas de institutos; visitas guiadas como as promovidas pola Deputación de Pontevedra ou incluídas en programas de ocio como Noites Abertas falan do crecente interese por un cemiterio que abriu as portas o 1 de outubro de 1882 e que agocha nos seus muros historia, arte, lendas.

Posta a punto para Defuntos

O proceso de renovación do servizo de Cemiterios non esquece a proximidade das xornadas de Todos os Santos e Defuntos polo que a brigada de cemiterios traballa arreo nestes días para a posta a punto de San Amaro: recorte das sebes, perfilado das árbores, limpeza con auga a presión, arranxo de pavimentos e grava, repaso das luces…

A poda das árbores, a roza dos accesos e perímetros e a limpeza con auga presión esténdese ao resto dos camposantos municipais

Nos días de Todos os Santos e Defuntos, nos que son miles as persoas que se achegan aos cemiterios para levar flores aos seus mortos, instalaranse como é habitual colectores adicionais de lixo, a cargo da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, para atender as necesidades especiais destas xornadas.

Datos cemiterios