Pontevedra convidada a participar no encontro de alcaldes e ministros da OCDE

48
    • Serán os vindeiros 18 e 19 de marzo en Atenas, cidade organizadora que convida a Miguel Anxo Fernández Lores a participar no encontro de “champion mayors” para debatir como conseguir cidades con maior benestar para os cidadáns.
    • Tamén se celebrará o sétimo encontro de alcaldes e ministros da OCDE que abordarán as mega-tendencias como a dixitalización, urbanismo ou os cambios climático e demográfico.

O Concello de Pontevedra participará no 7th Meeting of the OECD Roundtable of Mayors and Ministers e na 4th Meeting of Champion Mayors que se celebrarán os vindeiros 18-19 de marzo en Atenas da man da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), do Concello de Atenas e do Goberno de Grecia.

A sétima reunión de alcaldes e ministros está organizada conxuntamente pola OCDE, a cidade de Atenas e o Ministerio de Economía de Grecia, e é un foro global único que reúne a líderes locais e estatais para discutir a acción conxunta para as cidades intelixentes, inclusivas e sostibles de todos os tamaños.

Nesta ocasión, a mesa redonda centrarase en como os alcaldes e ministros poden traballar en conxunto, dentro de políticas urbanas integradas para abordar mega-tendencias como a dixitalización, urbanización, cambio climático e demográfico.

A cuarta reunión dos alcaldes está organizada conxuntamente pola OCDE e por Georgios Kaminis, alcalde de Atenas. Este encontro, que será o 18 de marzo, ten como tema principal a loita polas desigualdades. Nesta ocasión discutirá como aproveitar os tipos de innovación (social, tecnolóxica e relativa ao sector público) para lograr cidades máis inclusivas e cun maior benestar para o cidadán.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou que “é o convite máis importante que temos recibido ao longo de todo este proceso”, xa que a OCDE é unha das organizacións mundiais máis importantes, que traballa na cooperación dende distintos puntos de vista; e os seus informes son de referencia en todos os ámbitos e en todos os estados.

Estas dúas citas permitirán ao Concello de Pontevedra levar ao campo teórico o que está feito na práctica, convertendo á cidade do Lérez nun definitivo referente mundial.

“Nós non fixemos nada máis que o que tiñamos que facer coa colaboración de moita xente para pór a Pontevedra no mapa da ‘champions’, asegurou o alcalde, que dixo que para el era un “orgullo e unha satisfacción”.

“É un chanzo máis no posicionamento da cidade” afirmou Lores, quen tamén augurou que esta cita internacional “traerá multitude de retornos”. Confesou que “isto era algo impensable fai un tempo”.

COMPARTIR