Aprobado o proxecto definitivo de reforma das Piscinas de Campolongo

136
  • Acelérase a tramitación para que as obras comecen o 1 de abril.
  • O 50% dos 1.400 socios do complexo deportivo renovaron a súa matrícula para volver ás instalacións o 1 de outubro.

O Concello de Pontevedra e a empresa Serviocio BeOne ultiman os trámites para iniciar o vindeiro 1 de abril as obras de remodelación do complexo deportivo de Campolongo. Os técnicos municipais xa supervisaron o proxecto definitivo que se adapta ás prescricións técnicas que recollía o prego e que contempla un novo edificio, con maior superficie para a práctica deportiva, moderno, luminoso…

A empresa cumprimenta nestes días o trámite de entrega ao Concello do expediente de Contratación que será aprobado nas vindeiras semanas pola Xunta de Goberno; e tamén ten moi avanzadas as negociacións para a contratación da construtora que fará a reforma.

As obras faranse co obxectivo de que se retome a práctica deportiva o 1 de outubro, cando debe estar en funcionamento. De feito, segundo os datos dos que dispón Serviocio, a reforma das instalacións están xerando moita expectación porque máis do 50% dos socios xa teñen reservada praza para outubro. O complexo ten na actualidade 1.400 socios que teñen todo o mes de febreiro para renovar a súa matrícula.

Do 1 ao 10 de marzo ábrese o prazo para que os cursillistas poidan reservar praza; e a partir do 11 de marzo será para todos os que non estean vinculados á piscina.

O proxecto

A reforma das Piscinas de Campolongo ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil.

Farase unha remodelación total do complexo deportivo e só quedará a superficie da lámina de auga. Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros cadrados a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gáñase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa, que lle dará luminosidade a toda instalación.

Tamén se incorporarán e mellorarán servizos como ludoteca, a área de fisioterapia completarase con nutrición, e haberá máis salas para fitness e actividades deportivas pasando de 4 a 9.

Cabe lembrar que a empresa Serviocio-Beone presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6:45 e finalizando as 23:30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9:00 horas ata as 21:00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.