O Ravachol, máis protagonista que nunca

47
  •  A “ausencia” temporal do loro da Peregrina centra o cartaz do Entroido 2019 do debuxante Kiko da Silva
  • As murgas sairán á rúa o sábado 9 de marzo, horas antes do enterro do emblemático loro
  •  O 1 de marzo arranca o entroido pontevedrés, oito días de festa, retranca e diversión

Dicir Entroido é dicir Ravachol. En Pontevedra témolo claro: sen o loro a festa “non é a mesma”. Carme da Silva, concelleira de Festas, presentou hoxe a programación do entroido-2019, que comezará o venres 1 de marzo coa recepción do alcalde o rei Urco na praza da Ferrería e a lectura do pregón e que rematará oito días máis tarde co velorio e enterro do emblemático loro.

No medio citas imprescindibles como o Desfile do Entroido, a incorporación de Ravachol ao entroido, a recreación da botica de Don Perfecto Feijóo, a Noite Pirata, o Concurso de Murgas, a Mostra da Parodia, ademais de animación infantil e de rúa ao longo da semana.

Xunto coa concelleira de Festas, estivo o debuxante Kiko da Silva, autor do cartaz do entroido, que nesta ocasión ten a súa inspiración nunha vella foto da botica de D. Perfecto Feijóo -achegada ao noso tempo coa incorporación dunha muller- e coa “ausencia” de Ravachol no centro que lembra a “desaparición temporal” do loro da Peregrina, onde regresou a tempo para o entroido. “A figura de Ravachol é parte de nós, do noso patrimonio” subliñou o debuxante para de seguido lembrar a indignación da xente nas redes sociais cando o loro aparecera unha mañá fóra de sitio, tirado ao lado da igrexa da Peregrina.

A figura “ausente” do cartaz converteuse nun marca-páxinas que será un agasallo das librarías de Pontevedra polo compra de ibros en galego.

O entroido 2019 traerá novidades como, por exemplo, as Murgas na rúa o sábado 9 de marzo, horas antes do comezo do velorio do loro. Distintas murgas, participantes no concurso cuxa final é o día anterior, levarán a súas cantigas ás prazas da cidade.

Descarga aquí o programa

COMPARTIR