Paloma Castro entrega agasallos e diplomas á trintena de ‘perregrinos’ que percorren o Camiño de Santiago

42
  • O grupo que hoxe chegou á Praza Peregrina despois de completar a etapa da Ruta Xacobea entre Redondela e Pontevedra inclúe sete cans da protetora Os Palleiros que buscan un fogar

Agasallos e diplomas acreditativos agardaban hoxe na Peregrina á trintena de ‘perregrinos’ que, en compañía dos seus donos e de voluntarios, están a percorrer o Camiño de Santiago grazas a unha iniciativa da asociación Pontepatas e da protetora Os Palleiros. A concelleira de Benestar Animal, a socialista Paloma Castro, foi a anfitriona do acto de recepción desta comitiva, que viña de completar a etapa entre Redondela e Pontevedra e na que se inclúen sete cans para os que Os Palleiros busca un fogar: Triana, Sau, Jota, Pere, Yuca, Tandy e Mara.

Tal e como explicou a edil do PSOE, “cada un deles é o protagonista dunha das sete etapas que o grupo pretende realizar (nesta ocasión foi Mara), coa finalidade de darlles visibilidade e de conseguirlles familias de adopción”. Un pano azul distingue aos ‘perregrinos’ de Os Palleiros e un de cor verde aos 21 que pertencen aos socios do colectivo Pontepatas: Yako, Fox, Flash, Marco, Aldara, Kiran, Indy, Nala, Wilma, Roko, Shira, Ares, Odin, Shiva, Roco, Scooby, Indi, Bulma, Broli, Tyler e Cloe. Todos eles están identificados co seu nome e o logo do Camiño.