Pontevedra une forzas coa Câmara Municipal de Faro para cumprir cos obxectivos da Axenda 2030

74
  • Iván Puentes e Paloma Castro participan esta semana na Casa Azul nunhas xornadas de intercambio co municipio portugués sobre o plan para impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a edil de Benestar Social, Paloma Castro, participarán os días 19 e 20 de novembro nunhas xornadas de intercambio Galicia-Portugal sobre o plan de acción para implementar a Axenda 2030, a estratexia española en relación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. As charlas deste ‘Laboratorio dos ODS’ están dirixidas a persoal do Concello de Pontevedra, fundamentalmente das áreas social, económica e de comunicación, e estarán protagonizadas por relatoras da Câmara Municipal de Faro.

As xornadas desenvolveranse en horario continuado de 9.00 a 14.30 horas, só interrompido por un aperitivo de media mañá, e contarán cunha vintena de participantes. Baixo o título ‘Transformar o noso mundo: A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible’ e recorrendo a metodoloxías expositivas e activas, o programa do martes servirá para facer unha revisión breve da Axenda 2030 e garantir unha base común de traballo en torno aos seus valores, principios e obxectivos.

Trala exposición desta visión global, Pontevedra e Faro presentarán os seus respectivos perfís municipais, facendo fincapé na importancia da localización e da adaptación e a implementación como chaves para o éxito neste proceso. Segundo explica Iván Puentes, “recorrendo á experiencia dos municipios portugueses, iremos identificar a relevancia da localización a nivel territorial e poderemos comprender que as cidades e os municipios son actores esenciais á hora de impulsar e concretar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)”.

“Estímase -apunta o concelleiro do PSOE- que o 65% das 169 metas definidas para os 17 ODS non serán atinxidas sen unha implicación concreta dos gobernos rexionais e locais. A dimensión subnacional ou local da Axenda 2030 non se limita unicamente ao ODS de acadar cidades e comunidades sustentables, senón que está moi vencellada a tódolos outros obxectivos e metas”.

A análise das catro etapas do proceso de localización (sensibilización, adaptación, implementación e monitorización) centrará precisamente a xornada do mércores, na que se reflexionará en torno á elaboración e definición de Estratexias 2030 locais. Tal e como explica o edil de Medio Natural, “os obxectivos deste ‘Laboratorio dos ODS’ pasan por promover a implicación da administración local galega no cumprimento da Axenda 2030, fortalecer ao Concello de Pontevedra na implementación de políticas públicas locais en liña cos ODS e incrementar a relación de cooperación cos municipios portugueses, neste caso co de Faro”.

Mobilizar e empoderar aos actores locais

Para a concelleira de Benestar Social, os ODS “son tamén unha boa oportunidade para mobilizar e empoderar a varios actores locais en torno a obxectivos comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións e respostas locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible”. Na opinión de Paloma Castro, “a superación de moitos dos desafíos identificados polos ODS e as súas metas depende dos municipios e gobernos locais, os cales se encontran ben colocados para coñecer e responder directamente ás necesidades e aspiracións das persoas”.

“Ao traducir os ODS para o plano local -suliña a socialista- teremos a oportunidade de revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e multisectorial, impulsar novas dinámicas de gobernanza e garantir o desenvolvemento de modelos participativos con multiactores”.