Paloma Castro asegura que “Faro é un moi bo exemplo a seguir para acadar os obxectivos da Axenda 2030”

49
  • Unha delegación portuguesa integrada por dúas técnicas da ONGD Instituto Marquês de Valle Flôr e tres da Câmara Municipal de Faro participa nunhas xornadas de intercambio con Pontevedra

Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Benestar Social, os socialistas Iván Puentes e Paloma Castro, participan dende hoxe nunhas xornadas de intercambio sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) impartidas na Casa Azul por dúas técnicas da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr e tres técnicos da área de Desenvolvemento Económico da Câmara Municipal de Faro. A actividade formativa, na que participa un grupo de funcionarios do Concello de Pontevedra, esencialmente da área social, resultou tan construtiva que Paloma Castro salientou a experiencia do municipio portugués como “un moi bo exemplo a seguir para que a nosa cidade acade as metas da Axenda 2030 fixada pola ONU”.

Tal e como expuxeron o xefe da misión lusa, o técnico João Vargues, e as súas compañeiras na área de Desenvolvemento Económico, Raquel Martins e Ana Isabel Pereira, a Câmara de Faro dispón dun departamento específico adicado dende hai uns anos á consecución dos ODS, o que se está a traducir nunha baixísima porcentaxe de paro, unha racional política urbanística (só un dos seus dez kilómetros de costa está edificado) e, sobre todo, nunha enorme concienciación en materia de conservación e respecto polo medio ambiente.

“A experiencia de Faro está a ser tan exitosa que xa poden observarse os resultados en diversas áreas de Goberno. Sen dúbida, podemos sacar moitas cousas en limpo e tomar nota do que se está facendo alí para comezar a aplicalo en Pontevedra”, apuntou a edil do PSOE.

Castro lembra que este intercambio Galicia-Portugal, no que tamén están implicados os concellos galegos de Ponteareas, Vilagarcía, Guitiriz, As Pontes e Verín, así como os municipios portugueses de Amadora, Matosinhos, Seixal, Maia, Loures e Palmela, busca promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local. Os encontros están organizados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.

Catro fases

As xornadas están a permitir afondar nas catro fases para a localización dos ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais e definir as estratexias que contribúan a facer realidade a Axenda 2030: sensibilización, adaptación, implementación e monitorización. Segundo explica Paloma Castro, “cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, quebuscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para tódalas persoas nun prazo de quince anos”. 

“Estímase que o 65% destas metas -apunta a socialista- só poderán acadarse cunha implicación directa dos gobernos rexionais e locais, que baixo esta nova ollada deberán revisar a formulación de políticas, mellorar a coordinación temática e sectorial e impulsar novas dinámicas de gobernanza”.

A superación de moitos dos desafíos identificados nos ODS depende pois da administración municipal, que pola proximidade á cidadanía pode coñecer e dar resposta ás súas necesidades. Os ODS son tamén unha oportunidade para mobilizar e empoderar aos axentes locaisarredor de aspiracións comúns e para guiar políticas máis integradas e coherentes, que promovan solucións locais a prol dun desenvolvemento máis inclusivo e sostible.

COMPARTIR