Difusión Felina e Benestar Animal organizan un mercadillo solidario co gallo do Día do Gato

85
  • A actividade desenvolverase este domingo en horario de 11.30 a 14.30 horas na Praza de Ourense e ten a finalidade de recadar fondos para a asociación e dar a coñecer os gatos que teñen en adopción nestes intres

Con motivo da conmemoración do Día do Gato, que se celebra mundialmente o vindeiro luns 17 de febreiro, o colectivo Difusión Felina Pontevedra e a Concellería de Benestar Animal, que dirixe a socialista Paloma Castro, organizaron un mercadillo solidario que terá lugar este domingo 16 de febreiro na Praza de Ourense (en caso de choiva, levarase aos Soportais da Ferrería). A edil do PSOE explica que a finalidade deste mercadillo, que se desenvolverá en horario de 11.30 a 14.30 horas, é a de “recadar fondos para a asociación e aproveitar para dar a coñecer os gatos que teñen en adopción nestes intres”.

A campaña anímanos a coñecer a Bieito, Blue, Ernesto, Luli, Titi, Tri, Lupe, Cantino ou María, gatos que, como indica Paloma Castro, “custa dar en adopción por ser vellos, medosos ou ter unha saúde delicada”. “Algúns dos carteis -apunta a concelleira- amosan o antes e o despois, o cambio radical, que algúns animais protagonizaron entre o momento no que foron recollidos e a actualidade, tra-lo providencial amparo en casa de acollida”.

Castro anima a tódolos pontevedreses a achegarse ata o mercadillo solidario e “aos amantes dos animais a darlles unha oportunidade a estes fermosos gatos de Difusión Felina”.