Yoya Blanco preside a entrega de diplomas aos 29 participantes nos talleres de Pontevedra Rodando 2019 e a presentación das curtametraxes elaboradas

93
  • Os obradoiros coordinados por Pablo Cacheda desenvolvéronse entre os meses de outubro e novembro e traducíronse na elaboración de tres curtas de ficción e unha de carácter experimental

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidirá esta tarde ás 19:30 horas na Casa da Luz o acto de entrega de diplomas acreditativos aos 29 alumnos que participaron nos talleres do programa Pontevedra Rodando 2019, así como de presentación das pezas audiovisuais elaboradas. Esta III edición do proxecto, que un ano máis coordinou o realizador Pablo Cacheda, desenvolveuse entre os meses de outubro e novembro e traduciuse na creación de diversas curtametraxes de temática presente-futurista: tres de ficción (‘GPS’, ‘Erro 404’ e ‘Xeración Z’) e unha experimental (‘Autoestima’).

Ademais das curtas, durante o acto de clausura do programa, que terá lugar na Sala Bolechas, tamén se proxectará un pequeno ‘making of’ dos talleres, que consistiron en seis clases de carácter teórico e dúas xornadas de prácticas para as rodaxes. Tal e como explica a concelleira Yoya Blanco, “o proxecto Pontevedra Rodando está resultando tan frutífero que, se sumamos os contidos das dúas edicións anteriores con esta, xa viron a luz nove curtametraxes”.

“Os obradoiros están a atraer a xente de tódolos rangos de idade e, de feito, nos case 30 inscritos na última edición había alumnos dende os 16 ata os 70 anos”, apunta a edil socialista.