Concello e COAG habilitan un sistema electrónico para axilizar a tramitación de licenzas

22
  • Permitirá intercambiar documentación técnica relativa a licenzas, comunicacións previas, declaracións responsables e  outros trámites urbanísticos 
  • Este sistema evitará desprazamentos e trámites presenciais, simplificando e axilizando os procedementos administrativos e aforrando custes

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, e representantes da delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) entre os que se encontraba o presidente, Anselmo Villanueva, mantiveron esta mañá unha xuntaza de traballo de cara a ultimar o convenio para habilitar un sistema dixital que axilice procedementos de tramitacións urbanísticas. Concretamente, o convenio de colaboración refírese á “interoperabilidade entre o procedemento de tramitación de traballos profesionais do COAG e o procedemento de tramitación de licenzas e outros trámites urbanísticos do Concello”, co fin último de permitir o acceso telemático a documentación técnica tanto por parte do Concello como por parte dos arquitectos.

Xaquín Moreda explicou que “o Colexio de Arquitectos ten un sistema de visado dixital e o Concello ten implantado un procedemento de tramitación electrónica de expedientes e,  neste contexto, xurdiu a oportunidade de establecer unha serie de mecanismos de interoperabilidade entre os dous sistemas”. Así, esta plataforma permitiría ao Concello acceder á documentación dos proxectos visados polo COAG, normalizar a documentación técnica e administrativa de carácter xeral, e garantir a identidade e habilitación dos técnicos redactores. 

A posta en marcha deste sistema telemático evitará desprazamentos e trámites presenciais, o que simplificará e axilizará os procedementos administrativos e aforrará custes. A este respecto, Moreda lembrou que esta acción está en liña con “un dos obxectivos deste mandato que é a modernización da Administración pública e a simplificación de trámites administrativos”. Pola súa banda, o presidente da delegación do COAG, Anselmo Villanueva apuntou como unha das principais vantaxes  que este sistema “ten que redundar na axilización da tramitación das licenzas municipais”.

Tras a xuntaza desta mañá, a previsión é asinar formalmente o convenio nas vindeiras semanas.