Segue o Efecto PO2 na súa nova web!

32
  • A nova marca da cidade está recollida nunha páxina da web municipal na que se fai un percorrido temporal das accións directas relacionadas co Efecto PO2.
  • Irase completando con todas as actividades que se vaian sucedendo tanto de difusión e comunicación, como de proxectos que se impulsen ao amparo da marca.

O Efecto PO2 segue crecendo. Para plasmar todas as actividades que se realizan ao amparo da marca Efecto PO2, o Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción da cidade que xestiona Anabel Gulías, vén de poñer en marcha unha páxina dentro da web municipal.

www.pontevedra.gal/efecto-po2 recolle todas as accións realizadas pola marca dende a súa presentación, no pasado setembro, coincidindo coa folga e a mobilización mundial en defensa do clima. Naquel momento, o Concello poñía en marcha Efecto PO2 como concepto que aglutina o modelo de cidade xunto á necesidade de actuar localmente a prol do clima e na mellora do planeta. Era, en resumo, unha nova forma de entender a cidade e todas as relacións sociais que nela se desenvolven.

Dende ese momento, e seguindo unha liña temporal, a web recolle outros fitos como a concesión do primeiro premio Urban Road Safety Award da Comisión Europea á cidade de Pontevedra, que tamén dispón de espazo propio na web municipal.

Tamén se plasman outros eventos realizados até o de agora baixo a marca Efecto PO2 como as charlas do CSIC nos institutos ou o traballo dos alumnos e alumnas de primaria sobre a contaminación, que se expuxo en febreiro nas Palmeiras.

A nova campaña de 2020, logo de levantar a corentena pola Covid-19, está incluída dentro da nova web coas accións de rúa das pintadas -CO2 +PO2, un xogo cidadá de rúa para ir eliminando o CO2 a base de camiñar; a colocación duns 1.000 carteis por toda a cidade (institucións, establecementos, mupis…) explicando os beneficios do PO2 e instando a facer unha vida saudábel; ou o primeiro micro-vídeo que explica como en Pontevedra as rúas e as prazas son a continuidade dos domicilios.

Outro dos elementos que inclúe a nova páxina son as novas relacionadas co Efecto PO2 ou recursos gráficos como os carteis da última campaña.

Destacados

No epígrafe “Destacados” recóllense os programas que pon en marcha a marca como o Observatorio PO2, do que se coñecerán os primeiros datos nos próximos días.

A páxina web Efecto PO2 é un novo chanzo na difusión e comunicación da nova marca da cidade, ao igual que a carteleira, os micro-vídeos ou os faladoiros co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que se coñecerán en breve. 

As propostas PO2 iranse completando durante as vindeiras semanas e meses, incluso informando no exterior de cal é o estilo de vida de Pontevedra. 

COMPARTIR