A plataforma #Pontelovers e APE porán en marcha este mes un programa de talleres gratuítos destinados a autónomos, emprendedores e pemes

79
  • Os obradoiros centraranse en temáticas como identidade e marketing visual, uso de certificado dixital, Inglés e atención ao cliente, deseño e creación de packaging ou protección de datos

A plataforma #Pontelovers e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) volven colaborar unha vez máis coa organización dun programa de talleres gratuítos destinados a autónomos, emprendedores e pemes. Os obradoiros, financiados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco, levarán por título Identidade e Marketing Visual, Inglés e Atención ao Cliente, Facilita 2.0 RGPD, Aprende a Emprender, Uso de Certificado Dixital, Empaqueta-2, Atención ao Cliente e Calidade de Servizo e Colle o Relevo. Plan Repensa.

Tal e como explica o presidente de APE, José Ramón Caldas, os cursos poderán seguirse “de xeito telemático (online) ou presencial, cos correspondentes protocolos de prevención e seguridade contra a Covid-19”, xa que haberá a posibilidade dunha fórmula mixta de seguimento das aulas. A Asociación de Autónomos xa está a facer chegar aos negocios de Pontevedra un boletín de inscrición que permitirá determinar cales son horarios máis acaídos para impartilos e que poderán depositar na sede de APE Galicia en Gagos de Mendoza ou enviar ao correo electrónico ‘info@apegalicia.es‘ (tamén poden inscribirse a través da páxina web ‘apegalicia.gal’).

En opinión de Yoya Blanco, este tipo de formación “ten nestes momentos unha importancia crucial, xa que nos atopamos nun punto de inflexión transcendental para o futuro do pequeno comercio e os autónomos”. “Estes talleres -subliña a edil do PSOE- poden axudalos a diferenciarse, fidelizar ao seus clientes obxectivo, ter o seu propio ADN de empresa, especializarse, mellorar a súa loxística e avanzar tecnoloxicamente, por suposto ao tempo que manteñen valores como a proximidade e a tradición da zona xeográfica”.

O taller de Inglés e Atención ao Cliente terá 40 horas de duración e estará centrado en Inglés práctico para hostalería e comercio; o de Identidade e Marketing Visual será de 20 horas e incluirá titorías de deseño de negocio; o de Uso de Certificado Dixital, de catro horas, explicará como solicitar, instalar e usar o certificado, mentres que o titulado Facilita 2.0 RGPD, de seis horas, versará sobre o coñecemento e aplicación da normativa de protección de datos de carácter persoal. 

A través do obradoiro Aprende a Emprender, de dez horas, facilitarase información para empezar un proxecto con bo pé; o de ‘Empaqueta-2’, de catro horas, desenvolverá nocións sobre deseño e creación de packaging; o de Atención ao Cliente e Calidade de Servizo, de seis horas, contempla unha titoría sobre atención ao cliente e servizos postvenda, e o que leva por título ‘Colle o Relevo. Plan Repensa’, de seis horas, abordará as oportunidades de emprender mediante o relevo xeracional a través do Plan Repensa do Concello de Pontevedra.