Ampliadas as prazas para as visitas da Semana do Patrimonio Invisible e esgotadas en 3 horas

119
  • Ante a rapidez coa que se cubriron as 270 prazas ofertadas inicialmente para as 18 visitas, o Concello ampliou as prazas e o número de guías
  • As visitas, que terán lugar entre o 16 e o 18 de xullo, permitirán descubrir espazos singulares do convento de Santa Clara, do colexio Sagrado Corazón de Placeres, do pazo de Mugartegui, do cemiterio de Santo Amaro e de Villa Pilar

Un minuto foi o que tardaron en cubrirse as 75 prazas dispoñibles inicialmente para visitar o convento de Santa Clara e en 10 minutos quedaron completas tamén as habilitadas para os segundos grupos. Esta mañá ás 9h abríase o prazo para inscribirse nas visitas organizadas na Semana do Patrimonio Invisible e ante a rapidez coa que se cubriron as 270 prazas ofertadas inicialmente para as 18 visitas do programa, o Concello e a empresa de xestión cultural Trivium decidiron ampliar o número de persoas admitidas. Así, mantendo o horario de cada visita organizaranse dous grupos en cada unha das visitas, que iniciarán o itinerario en puntos diferentes e realizarán o percorrido a través dos mesmos elementos pero en distintos momentos e sen que se produzan interferencias entre os grupos.

Despois do convento de Santa Clara, as seguintes prazas en esgotarse foron as das visitas ao pazo de Mugartegui que quedaron completas ás 9:38h; seguidas das de Villa Pilar ás 9:57h; e o colexio Sagrado Corazón de Placeres ás 10:17h. As visitas ao cemiterio de Santo Amaro completáronse ás 12:08h. 

A Semana do Patrimonio Invisible, organizada pola Concellaría de Patrimonio Histórico, xestionada por Xaquín Moreda, terá lugar os días 16, 17 e 18 de xullo e permitirá  acceder a 5 espazos culturais da cidade que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público. Así, nesta primeira edición visitaranse o convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Placeres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar, co obxectivo de achegar o valor do patrimonio cultural de Pontevedra á veciñanza da man de guías especializados.