O marketplace PonteAbastos.com xa distribúe os produtos frescos de 15 establecementos do Mercado de Abastos entre os fogares de Pontevedra

34
  • A plataforma, impulsada por Jorge Eyo en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e de #PonteLovers, atópase totalmente operativa. O reparto realizarase sempre con transporte sostible

Coa axuda dunha motocicleta ‘made in Spain’ Silence S02 dotada cun baúl de 200 litros de capacidade, o emprendedor Jorge Eyo comezou hoxe a realizar os primeiros repartos de produtos frescos encargados pola cidadanía pontevedresa a través da páxina web ‘ponteabastos.com‘, o marketplace do Mercado de Abastos impulsado pola plataforma #PonteLovers, da Concellería de Promoción Económica e Turismo. O servizo xa se atopa totalmente operativo e conta con 15 negocios da Praza adheridos, entre os que se inclúen carnicerías, peixerías, postos de marisco, froiterías e chacinerías: Frutería Pablo y María, Frutería Loli, Peixerías Rocío, Pescados Lolita, Pescadería Fina, Boutique Cárnica Celia Abal, Carnicería María, Macario Carniceros, Flores Clara, Pescados Mary Iglesias, Mariscos Soncha, Carnicería Montse, Pescadería Mari Carmen, Pescados Reyes e A Queixería.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, amosouse “entusiasmada” cunha plataforma online que “resulta moi sinxela de empregar incluso para os máis leigos en novas tecnoloxías”. Ao acceder atopámonos cunha división por actividades dentro do Mercado, cos apartados de ‘Froitería’, ‘Carnicería’ e ‘Peixería’, tendo a posibilidade de acceder aos diferentes artigos, que van acompañados dunha pequena descrición e a indicación do praceiro/a que os puxo á venda. Unha vez elixido o produto, en función do seu tipo, poderase mercar por cantidades ou unidades (dende un quilo de tomate a unha pescada dun quilo).

Durante o procedemento de validación do pedido, os usuarios poderán elixir entre recibilos na casa á hora que desexen ou recollelo na sede física de PonteAbastos, situada no primeiro andar do edificio da rúa Serra (opción ‘Click and Collect’). O marketplace, que conta cun sistema de pago online seguro, permite controlar a elección dos produtos, o empaquetado e o transporte dos mesmos, sendo de enorme utilidade na actual situación sanitaria e para todas esas persoas que non poden acudir tódolos días ao Mercado xa sexa por traballo, tempo ou distancia.

Sinerxías con outras empresas de Pontevedra

Yoya Blanco salienta o feito de que a distribución se leve a cabo “empregando medios de transporte sostible”, posto que, á marxe da motocicleta, PonteAbastos apoiarase na empresa de reparto ecolóxico ‘Pedaleando’, o que ademais incide na xeración de sinerxías entre pemes pontevedresas (na parte fotográfica, a firma ‘Outraluz’ axudou con toda a reportaxe e montaxe das fotos; en canto a marketing, programación e deseño web están a colaborar con ‘Pontecerca’, e en temas sanitarios, un dos puntos máis complexos da apertura, cooperan con ‘Gestinor’). “Os repartos dividiranse en franxas horarias, tanto de mañá como de tarde, e levaranse a cabo en motocicleta eléctrica, en bicicleta ou andando, respectando ao máximo o medio ambiente”, apunta a edil socialista.

https://www.ponteabastos.com/