O Concello activa a nova aplicación electrónica de Xestión Tributaria

212
  • Permitirá autoliquidar impostos, fraccionar os pagos, domiciliar recibos e recibir notificacións vía sms sobre a posta ao cobro dos recibos 
  • Esta aplicación está cofinaciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra

A concelleira de Réxime Interior e portavoz do Goberno, Anabel Gulías, vén de informar de que no transcurso desta semana se activará a nova aplicación electrónica de Xestión Tributaria. Trátase dun apartado específico que estará operativo dentro da Sede Electrónica na páxina web municipal e permitirá domiciliar recibos, fraccionar os pagos, autoliquidar impostos e recibir notificacións vía sms sobre a posta ao cobro dos recibos. O uso desta aplicación está suxeita ás fórmulas de autentificación de Clave Dixital. 

Anabel Gulías explicou que esta aplicación comezará permitindo a autoliquidación dos impostos do ICIO, cemiterios e transportes especiais e que a idea “é ir aumentando paulatinamente todos os servizos que se poidan autoliquidar de xeito que sexa máis sinxelo e reduza a atención presencial”. Tamén lembrou que a posta en marcha desta aplicación se enmarca dentro do obxectivo do Goberno municipal de modernizar a Administración local e que está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.

Tamén no ámbito da Xestión Tributaria, a concelleira informou sobre a sinatura dun convenio co Colexio Profesional de Galicia de Notarios que permite axilizar a tramitación e autoliquidación das plusvalías (IIVTNU). Mediante este convenio, o Concello terá acceso ás escrituras e documentos notariais para liquidación e os notarios poderán autoliquidalas telematicamente.

A sinatura deste convenio vén sumarse aos xa asinados neste mesmo ano co Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galiza e co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ambos co obxecto de axilizar trámites e evitar desprazamentos mediante o uso de ferramentas telemáticas. 

Convén lembrar que mediante o convenio asinado co Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galiza se recoñece a condición de representantes aos seus colexiados na intervención nos expedientes municipais. Deste xeito, redúcese a presencialidade das persoas interesadas en determinados trámites coa Administración local. En canto ao convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, permitiu habilitar un sistema dixital para axilizar procedementos de tramitacións urbanísticas, ao permitir o acceso telemático a documentación técnica tanto por parte do Concello como por parte dos arquitectos.