O CEIP Campañó acolle o venres 6 a sesión inaugural dos contacontos de Raquel Queizás ‘Historias azuis. Integra a diabetes na escola’

64
  • A iniciativa, incluída no programa de actividades deseñado no marco do Día Mundial da Diabetes (14 de novembro), continuará os días 9 e 11 nos colexios Froebel e Álvarez Limeses
  • Os contacontos organizados por Anedia e as concellerías de Benestar Social e Educación, titulados ‘Nano ten diabetes’ e ‘Un caso azul’, están dirixidos a nen@s de Infantil e Primaria

O CEIP Campañó acollerá o vindeiro venres 6 a partir das 9:45 horas as primeiras dúas sesións do programa de contacontos ‘Historias azuis. Integra a diabetes na escola’, protagonizado por Raquel Queizás e organizado pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia) en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Educación e Deportes. A función, enmarcada dentro do programa de actividades conmemorativas deseñado por Concello e Anedia co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, leva por título ‘Nano ten diabetes’ e está dirixida a alumnado de Educación Infantil de 4 e 5 anos.

A iniciativa terá continuidade o luns 9 de novembro no CEIP Froebel, cunha sesión de contacontos titulada ‘Un caso azul’ para rapaces de 2º de Primaria ás 9:00 horas e, posteriormente, outras dúas de ‘Nano ten diabetes’ para nen@s de Infantil. Queizás desprazarase o mércores 11 de novembro ata o CEIP Álvarez Limeses para desenvolver outras dúas sesións de ‘Un caso azul’ para alumn@s de 4º e 5º de Primaria: a primeira ás 8.45 horas e a segunda despois do recreo.

Tal e como apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, estes contacontos (dos que se pode obter máis información no enlace ‘https://www.raquelqueizas.com/historias-azuis/’ ) “están especialmente orientados a aquelas aulas nas que existen menores con diabetes nas etapas de Infantil e Primaria”.

En paralelo a esta actividade, porase a disposición dos colexios unha serie de recursos, como libros, vídeos e outras ferramentas adaptadas á situación actual, o que lles permitirá traballar na aula en torno á data do 14 de novembro.

O intenso e variado programa elaborado por Anedia e o Concello contempla a participación de Pontevedra na Volta España pola Diabetes, a celebración da VII Milla Solidaria Anedia e a realización de talleres formativos e de apoio psicolóxico.

Kilómetros pola diabetes

Anedia decidiu sumarse este ano, xunto con outras asociacións de todo o territorio nacional, á Volta España pola Diabetes – Kilómetros pola Diabetes, un evento impulsado pola Fundación Diabetes Cero (orientada á investigación da diabetes tipo 1) e por Diabetes Madrid, cuxa etapa 14 está dedicada a Galicia, concretamente a Pontevedra, e que se pode realizar ata o 2 de decembro. Trátase dun reto virtual apto para tódalas idades, consistente en sumar quilómetros e no que se pode participar en diferentes modalidades: camiñar, correr, nadar e ciclismo.

O calendario de actividades conmemorativas tamén contempla a celebración, o 14 de novembro, da VII Milla Solidaria Anedia. O evento adaptarase á situación actual, polo que está previsto que se desenvolva nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e cun aforo restrinxido a un máximo de 200 participantes”, emitíndose en streaming para que tod@s a podamos seguir en directo e contando con clubs convidados que teñen nas súas filas atletas afectados pola diabetes tipo 1.