O Concello homenaxea a Ricardo Portela no centenario do seu nacemento

17
  • O alcalde presidirá un pequeno acto diante da casa na que viviu o mestre gaiteiro na rúa Laranxo e Óscar Ibáñez interpretará o seu coñecido tema ‘Aires de Pontevedra’ en toque pechado

Mañá, mércores 4 de novembro ás 13h, con motivo do centenario do nacemento do mestre e gaiteiro Ricardo Portela, o Concello organiza un pequeno acto de homenaxe ante a casa na que viviu na rúa Laranxo. Este acto, reducido por mor das circunstancias derivadas da pandemia, estará presidido por Miguel Anxo Fernández Lores e contará coas intervencións do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, do neto de Ricardo Portela, Gonzalo Lorenzo Portela, do membro fundador do Colectivo Paseniño e do grupo Treixadura, Xoán López, e do presidente da Asociación Cultural Marmurios de Leucoíña e iniciador do Memorial Ricardo Portela, Eduardo Esteban. Tras as intervencións, o gaiterio Óscar Ibáñez interpretará ‘Aires de Pontevedra’ en toque pechado.

O obxectivo desta homenaxe é poñer en valor a traxectoria do coñecido como ‘O gaiteiro de Viascón’, polo seu lugar de nacemento, centrada na dignificación da gaita galega e do toque pechado como forma de tocar diferenciada e propia do país, converténdoa en materia de estudo técnico e de gran valía artística. Ricardo Portela está considerado como un dos grandes gaiteiros da historia galega, xunto con nomes como o de  Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, e recoñecido como mestre e figura de referencia polos actuais gaiteiros e gaiteiras de sona internacional como Susana Seivane, Carlos Núñez ou Anxo Lorenzo.

O Concello de Pontevedra leva máis de 20 anos velando activamente polo legado de Ricardo Portela mantendo o Memorial que leva o seu nome e colaborando coa escola radicada en Lérez, a Escola de gaitas ‘Gaiteiros das Rías Baixas’, a única de toda Galiza dedicada en exclusiva ao ensino do toque pechado. Ademais, no ano 2017 e coincidindo cos 25 anos  do seu pasamento, instalou unha placa conmemorativa na casa na que viviu o gaiteiro na rúa Laranxo.