“Pontevedra SUMA” Ponse en marcha a campaña informativa da Ordenanza de Mobilidade Amábel

103
  • A Concellaría que dirixe Demetrio Gómez inicia esta semana e durante o mes de novembro, o reparto de folletos informativos na rúa e as reunións técnicas con diversos colectivos da sociedade pontevedresa: tendas de bicicletas, skaters e autoescolas.
  • Tamén está prevista unha xincana da mobilidade, individual ou para conviventes, na que os participantes deberán superar diversas probas nos tres espazos distintos da cidade: peonís, coexistencia e calzada.

O departamento de Mobilidade, dirixido polo concelleiro Demetrio Gómez, pon en marcha esta semana e durante todo o mes de novembro, a Campaña informativa sobre a Ordenanza de mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra. Será unha campaña intensa e chea de propostas que terá por obxecto difundir entre os veciños e veciñas de Pontevedra, usuarios de calquera vehículo rodado, como deben circular polos espazos públicos do municipio.

Baixo o lema Pontevedra SUMA (Súmate á Mobilidade Amábel), a campaña dispón de diverso material e soportes nos que se fará unha divulgación intensa ao longo das vindeiras catro semanas seguindo tres slogans, sinxelos e pegadizos, que recordan os tres tipos de espazos públicos que ten Pontevedra:

  • Peonil: Para camiñar e pasear as beirarrúas debes usar.
  • Coexistencia: En movemento respecta o máis lento.
  • Tráfico motorizado: Rodando, rodando pola calzada irás circulando.

A campaña dispón dunha web www.pontevedra.gal/mobilidade que recolle un resumo da ordenanza, ademais do propio texto legal e un espazo para suxestións. Día a día irase completando con outros recursos dos que xa dispón o Concello de Pontevedra en materia de mobilidade, ou que se irán creando para SUMA.

Tamén está previsto un reparto informativo do resumo da ordenanza en linguaxe próxima e pensado para o público xeral. Será a entrega dun tríptico a través dun espectáculo de rúa dos “Polis Tolos” para achegar á información dunha forma atractiva e divertida aos veciños e veciñas, e especialmente aos máis cativos da casa.

Xornadas de formación técnica

Paralelamente tamén se programaron xornadas de formación técnica que serán impartidas polo director xeral de Mobilidade, Daniel Macenlle e dirixidas ás tendas de bicicletas (o 5 de novembro), ás autoescolas (10 de novembro) e ao colectivo de skaters (o 24 de novembro).

Finalmente, se o tempo e a situación sanitaria o permiten, o día 28 de novembro está programada unha xincana da mobilidade na que poderá participar calquera persoa ben individualmente ou ben en grupos de conviventes, aproveitando o seu medio de locomoción habitual: a pé, patíns, VMP, bici… Trátase de superar 3 circuítos nos 3 tipos distintos de espazos públicos: peonís, coexistencia e de tráfico motorizado.

A campaña estará respaldada por publicidade exterior a través dos mupis, bandeirolas e monolitos da cidade, así como de difusión nos medios de comunicación.

Demetrio Gómez destacou esta mañá que o departamento de Mobilidade fará un intenso labor de divulgación durante este mes de novembro, pero a campaña e o lema Pontevedra SUMA nace con vontade de continuidade nos vindeiros meses ou, incluso, anos.

Demetrio Gómez tamén afirmou sentirse moi “orgulloso” do resultado da campaña por ser froito dun traballo en equipo, por un lado da propia administración municipal, xa que non é habitual que o Concello de Pontevedra poña en marcha unha campaña destas características para dar a coñecer unha norma; por contar coa colaboración dunha empresa local, ERA Comunicación, encargada de traducir a unha linguaxe agradábel os textos legais; e da sociedade pontevedresa por quere participar activamente, en concreto, os usuarios das bicicletas a través das tendas; a asociación de skaters e as autoescolas. Todos eles serán formadores e informadores da nova ordenanza.

O obxectivo é transmitir que moverse por Pontevedra é sinxelo: respectando sempre ao máis feble.