Comeza a Campaña SUMA cunha reunión de formación técnica dirixida aos establecementos de bicicletas

56
  • O concelleiro de Mobilidade, o director xeral de Mobilidade e o xefe da Policía reuníronse esta mañá con responsables das tendas de bicis para explicarlles a nova ordenanza.
  • Mañá comeza o primeiro reparto do material informativo polas rúas a través do espectáculo “Polis Tolos”, que chegarán durante este mes de novembro a todos os barrios de Pontevedra.

A Concellaría de Mobilidade comezou hoxe a Campaña Pontevedra SUMA para difundir a nova Ordenanza de mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra. A primeira acción foi a reunión con tendas de bicicletas da cidade na que se lles informou dos contidos das ordenanzas co propósito de que sirvan de altofalantes para os seus clientes e usuarios.

A reunión que se celebrou no Concello e comezou ás 14.00 horas, rematou hora e media despois logo dunha activa participación por parte dos donos e responsables dos establecementos de bicicletas da cidade, moi interesados en coñecer os pormenores da ordenanza para poder transmitila.

Os donos das tendas de bicicletas estiveron acompañados do director xeral de Mobilidade, Daniel Macenlle, encargado de dirixir a sesión, así como polo concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez e o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, que responderon todas as preguntas que xurdiron no encontro.

Nas vindeiras semanas están programadas outras xornadas de formación dirixidas ás autoescolas (10 de novembro) e ao colectivo de skaters (o 24 de novembro).

Os Polis Tolos saen mañá polo centro histórico

A seguinte acción prevista na Campaña SUMA será o primeiro reparto informativo polas rúas da cidade a cargo dos “Polis Tolos”; unha aposta treatral do grupo Troula  que irá repartindo información polo centro histórico da cidade mañá, venres, 6 de novembro, pola tarde, entre as 17.30 e as 19.30 horas.

Están previsto até un total de 10 repartos por todo o ámbito da cidade, dende os barrios da Parda, Monte Porreiro, Burgo e todo o centro urbano nos que se entregarán ademais dun folleto no que se resume de maneira clara e sinxela os aspectos xerais da normativa, diverso merchandising da campaña como mochilas, brazaletes, globos, tatoos…

A Campaña

A campaña Pontevedra SUMA ten por obxecto difundir entre os veciños e veciñas de Pontevedra, usuarios de calquera vehículo rodado, como deben circular polos espazos públicos do municipio.

Baixo o lema Pontevedra SUMA (Súmate á Mobilidade Amábel), a campaña dispón de diverso material e soportes nos que se fará unha divulgación intensa ao longo das vindeiras catro semanas seguindo tres slogans, sinxelos e pegadizos, que recordan os tres tipos de espazos públicos que ten Pontevedra:

  • Peonil: Para camiñar e pasear as beirarrúas debes usar.
  • Coexistencia: En movemento respecta o máis lento.
  • Tráfico motorizado: Rodando, rodando pola calzada irás circulando.

A campaña dispón dunha web www.pontevedra.gal/mobilidade que recolle un resumo da ordenanza, ademais do propio texto legal e un espazo para suxestións. Día a día irase completando con outros recursos dos que xa dispón o Concello de Pontevedra en materia de mobilidade, ou que se irán creando para SUMA.

Finalmente, se o tempo e a situación sanitaria o permiten, o día 28 de novembro está programada unha xincana da mobilidade na que poderá participar calquera persoa ben individualmente ou ben en grupos de conviventes, aproveitando o seu medio de locomoción habitual: a pé, patíns, VMP, bici… Trátase de superar 3 circuítos nos 3 tipos distintos de espazos públicos: peonís, coexistencia e de tráfico motorizado.

A campaña estará respaldada por publicidade exterior a través de mupis, bandeirolas e monolitos da cidade, así como de difusión nos medios de comunicación.

Aínda que o departamento de Mobilidade fará un intenso labor de divulgación durante este mes de novembro, a campaña e o lema Pontevedra SUMA nace con vontade de continuidade nos vindeiros meses ou, incluso, anos.

O obxectivo é transmitir que moverse por Pontevedra é sinxelo: respectando sempre ao máis feble.