O concelleiro socialista Tino Fernández considera “caóticas, arbitrarias e delirantes” as medidas adoptadas por Núñez Feijóo no eido deportivo

335
  • O edil pregúntase “como é posible que permitan desprazarse a máis de 1.000 persoas por toda Galicia para partidos de competición e, sen embargo, a miña nai non poida ir ao cemiterio?”
  • Para o tenente de alcalde, “é un disparate” que a Xunta “non considere seguro facer deporte con distanciamento na Illa das Esculturas, pero si agrupar a 20 ou 25 persoas nunha pista de balonmán”

“Como é posible que a Xunta permita que máis de 1.000 persoas se despracen por toda Galicia para xogar partidos de competición e, sen embargo, a miña nai non poida, por exemplo, ir ao cemiterio de Cotobade a visitar aos seus familiares falecidos? A quen, ademais de a Feijóo, lle pode parecer que estas viaxes non contribúen a espallar o coronavirus por toda a nosa xeografía? Por que se consinte no ámbito federado o que non se consinte no non federado?”. Cunha mistura de “estupor e fonda preocupación” recibiu o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, as últimas medidas adoptadas polo Goberno da Xunta no eido da actividade física e o deporte, ás que hoxe tildou en rolda de prensa de “caóticas, arbitrarias e delirantes”.

O socialista considera “indefendible” que “nuns momentos de restricións á mobilidade, a Orde autonómica siga a permitir non só o adestramento federado, senón tamén os desprazamentos para asistir a competicións federadas”, limitando a actividade física ao aire libre a seis persoas convivintes, pero “permitindo que nunha cancha de 40 x 20 metros poidan adestrar 20 ou 25 persoas non convivintes”. “E o que aínda é peor, permítese que estes equipos -sinalou Fernández- se poidan desprazar por toda Galicia a xogar con outros equipos, o que, no caso das categorías Xuvenil ou Infantil, tradúcese no desprazamento de xogadores, técnicos e, en moitos casos, ao non poder facerse en transporte colectivo, de familiares que terán que conducir o vehículo no que viaxen”.

Tal e como expuxo, “en base a un cálculo moi prudente feito polo Servizo Municipal de Deportes, na semana de Tódolos Santos houbo polo menos 75 partidos de competición en toda Galicia, é dicir, 75 desprazamentos”, o que, sumando xogadores, familiares, técnicos, delegados, etc., “significa que podemos estar falando de máis de 1.000 persoas movéndose por toda Galicia”. O tenente de alcalde de Pontevedra lembrou ademais que, segundo a Enquisa Nacional de Hábitos de Actividade Física, “só o 16,1% de dita actividade está relacionada co deporte federado, mentres que o 84% restante vencéllase a deporte fóra do ámbito federado”.

Máis de 100 competicións previstas para esta fin de semana

Fernández lamentou que as novas restricións plantexadas por Feijóo “non só non solucionen esta situación, senón que a continúen a prorrogar no tempo”, sabendo de antemán que, “en base a outro cálculo tamén moi prudente do Servizo de Deportes, esta fin de semana hai previstas bastantes máis de 100 competicións en territorio galego, polo que estamos a falar outra vez de máis de 1.000 persoas converténdose en vectores de mobilidade para o virus”. Na súa opinión, “é un sinsentido moi grave e un agravio comparativo que esteamos a pedir prudencia, que se estean a pechar bares e cafeterías e que, sen embargo, non se adopten medidas máis estritas coas competicións federadas”.

“Por que se interpreta que o deporte federado é seguro e a actividade física fora dese ámbito non o é? Por que non é seguro facer deporte con distanciamento na Illa das Esculturas, pero si é seguro agrupar a 20 persoas nunha pista de balonmán e permitir que viaxen por toda Galicia? É un completo disparate. O que o DOG establece no eido deportivo é máis propio dun diálogo de ‘Amanece que no es poco’ que do guión de rigor, seriedade e responsabilidade que require esta película de terror que estamos a vivir coa pandemia”, aseverou o edil do PSOE.

Ao seu xeito de entender, “a situación non é mellor no que respecta aos ximnasios, para os que se impón unha restrición de aforo do 50% e unha limitación de uso unicamente para actividade física individual”, o que conleva, na inmensa maioría dos casos, “o peche real da instalación”. E todo elo, sen tomar medidas de compensación para eses negocios. “De novo, se eres federado podes adestrar en grupo, pero se queres facer spinning na sala dun ximnasio, coas medidas de distanciamento e seguridade necesarias, non podes facelo. Estamos francamente preocupados ante as incoherencias das normas ditadas pola Xunta”, afirmou Tino Fernández.

Por este motivo, o concelleiro de Deportes instou a Feijóo “a adoptar, con efecto inmediato, as medidas oportunas para corrixir estas abrumadoras incoherencias e poñer fin a esta sensación de arbitrariedade e caos”, entre elas “a paralización das competicións deportivas, a mellor regulación da actividade dos equipos federados e a compensación económica para as instalacións privadas, que se van ver nunha situación moi comprometida”. Para Tino Fernández, “atopámonos ante un contexto absolutamente excepcional, no que cómpre tomar medidas excepcionais e, en moitos casos, dolorosas, pero necesarias para preservar a saúde e incluso a vida das persoas”.

“Aplaudimos as medidas adoptadas pola Xunta no que atinxe a peches perimetrais e peches de actividades e servizos, do mesmo xeito que nos parecen valentes decisións como os toques de queda para evitar ou diminuír a transmisibilidade do virus. E a pesar da irresponsabilidade e insensata actitude dalgúns, poucos por fortuna, esta Concellería optou pola prudencia e pola saúde dende o primeiro momento. O tempo deunos a razón a nós e calou a súa demagoxia e ausencia de solidariedade”, afirmou o socialista.