- A obra deseñada pola Concellería de Medio Natural, que comezará nos vindeiros días e que inclúe a instalación dun sistema de rega, dará nova vida a un dos espazos centrais da vida social do barrio
Unha tirolina para os máis pequenos, a ampliación da súa zona de xogos e unha mellora integral dos seus xardíns son as principais actuacións previstas no proxecto deseñado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para darlle nova vida ao parque da Praza de Europa, un dos espazos centrais da vida social do barrio de Monte Porreiro. As obras, para as que o departamento que dirixe o edil socialista Iván Puentes destinará unha achega económica de máis de 40.000 euros, iniciaranse nos vindeiros días e incluirán a instalación dun sistema de rega.
Tal e como explica Puentes, trátase dunha intervención global que permitirá renovar e optimizar “un dos puntos máis importantes para a veciñanza do barrio e dotalo dunha calidade urbana acorde coa relevancia que o parque situado entre as rúas Bélxica e Alemaña ten na vida de Monte Porreiro”. Logo dun aprazamento dos traballos de instalación da tirolina por mor do inicio da pandemia, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns “pretende poñer en marcha o proxecto comezando precisamente por este espectacular e divertido elemento de xogo, que terá unha lonxitude de máis de 20 metros e que, sen lugar a dúbidas, se converterá nun aliciente para os máis pequenos, achegando un maior carácter de aventura e un estímulo para o desenvolvemento psicomotriz dos rapaces e o seu fortalecemento saudable”.
“Ademais da instalación desta tirolina, tamén se contempla unha transformación de toda a zona de xogos e a renovación profunda de elementos vexetais como árbores en mal estado, céspedes, arbustos e plantas de flor, así como do mobiliario”, sinala o concelleiro.
O proxecto prevé a dotación dun sistema de rega nos xardíns que rodean o parque infantil, a plantación de arborado e planta arbustiva e a substitución dalgúns exemplares en mal estado, xerando zonas de sombra (escasas agora mesmo) e unhas mellores condicións paisaxísticas na zona verde. Segundo constata Iván Puentes, “tamén se levará a cabo melloras a nivel de iluminación e a restauración de bancos, na actualidade deteriorados, para manter un óptimo confort para os usuarios do parque da Praza de Europa”.
O edil do PSOE lembra que “unha das prioridades da Concellería de Desenvolvemento Sostible é crear espazos verdes amables, cómodos e seguros”. “Pontevedra -asegura- vén sendo pioneira neste eido, facendo un forte investimento para que se poida seguir desfrutando dos parques, das zonas de xogo, das sendas e dos espazos verdes e naturais no seu conxunto como uns dos lugares coa maior seguridade sanitaria fronte á Covid-19”. Neste sentido, cabe sinalar que a limpeza e desinfección profunda que se realiza cada noite nos parques infantís urbanos e rurais de Pontevedra supón o desembolso duns 30.000 euros ao mes.


